Máis que unha visita ao Gaiás, apúntaste?

A pé, en bicicleta, mentres se observan as estrelas ou paseando polos edificios. A Cidade da Cultura de Galicia pon en marcha durante os meses de verán un programa no que ofrece algo máis que unha visita: descubrir o Gaiás dunha forma amena e orixinal a través de actividades de balde que combinan lecer, deporte e coñecemento.

A Cidade da Cultura ofrece novas rutas para chegar a pé ao complexo deseñado por Peter Einseman a través de Camiño ao Gaiás, no que gozar, da man dun monitor da Fundación USC Deportiva, a fermosa contorna natural e patrimonial da Cidade da Cultura xunto coa imponente arquitectura do complexo.

Para quen prefira as dúas rodas, estréase Rodando ao Gaiás, co que subir a través de diferentes rutas adaptadas a todos os públicos. Tamén en colaboración coa Fundación USC Deportiva, este programa prevé dous graos de dificultade, que lle permitirán ás familias dar un agradable paseo dende Compostela ata o cumio do Gaiás e aos afecionados ao BTT entrenarse a fondo por un circuito que combina cidade e montaña.

A Cidade da Cultura á luz das estrelas. Esa é a terceira das posibilidades que ofrece este programa de visitas a través de Astronomía. Un novo lugar para mirar o ceo. Telescopios, prismáticos e planisferios volverán tomar as noites do Gaiás para que os participantes observen planetas coma Xúpiter e Mercurio, coñezan fenómenos tan curiosos como o das estrelas dobres e se deixen abraiar polas Bágoas de San Lourenzo ao tempo que descobren a cara quizais menos coñecida e máis misteriosa da Cidade da Cultura. Este ano, para profundar un pouco máis no mundo das estrelas, en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, este programa inclúe tres obradoiros didácticos para todos os públicos sobre os reloxos de sol, os telescopios e os meteoritos.

Como complemento a estas visitas temáticas, a Cidade da Cultura seguirá a ofrecer durante estes meses de verán o programa de Visitas guiadas ao propio complexo co que os se acheguen ata o Gaiás poidan coñecer, da man dun guía especialmente formado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, os segredos que agocha o complexo deseñado por Peter Eisenman.

Visitas e Accións divulgativas
Santiago de Compostela, 05 de Xuño de 2012