Conta atrás para gozar a vindeira tarde de sábado, 25 de agosto, de Cidade Imaxinaria Verán 2018! Para facer máis levadeira a espera , deixámosche unha resolutiva guía para non perder nada destas 4 horas de diversión ininterrompida, de balde e ao aire libre . Nela vas atopar cada un dos fascinantes e novidosos espectáculos, música, obradoiros e xogos argallados —de 16 a 20 horas— en cada recuncho da Cidade da Cultura de Galicia.
Nos seus exteriores non vai faltar —como é costume— a demandada e exitosa escola de circo para eses pequenos e pequenas que levan dentro un grande artista circense. Tampouco nos despistamos coa necesaria zona de larpeiradas e relax para recargar ánimo e enerxías de cara a espremer ao máximo estas catro horas de pura diversión. Ademais, nesta edición recuperamos o espazo para bebés co desexo de que os nosos e as nosas participantes máis pequechas (de 0 a 3 anos) teñan un acubillo sensorial e de estimulación axeitado á súa idade: O bosque dos sentidos.
En definitiva, xa temos totalmente artellada a Cidade Imaxinaria do verán de 2018. Preparado/a para vir gozar coa túa familia dunha inesquecible e máxica tarde de estío? Velaquí o menú cheo de fantasía, circo, música, diversión e gargalladas con toda a carta ao teu dispor:
ESPAZOS LÚDICOS PARA IMAXINAR [16-20h]
Escola de saltimbanquis [16-20h] A escola de circo non pode faltar en Cidade Imaxinaria! Este ano con 4 espazos para sacar fóra o saltimbanqui que todos e todas levamos dentro: zona de malabares, zona acrobática, zona de aéreos e zona de equilibrios. Descubriremos talentos circenses nunca antes explorados. Diversión e aprendizaxe que, quizais, supoña que máis dun e dunha atopedes a vosa profesión de futuro, e por que non? Atréveste!
O bosque dos sentidos [16-20h] Espazo para bebés de 0 a 3 anos de idade. Un recuncho axeitado para que os máis pequenos e pequenas de Cidade Imaxinaria gocen tranquilamente dun tempo propio e adaptado de distensión e sensacións, deseñado para fomentar o descubrimento e a experimentación sensorial a través do tacto, da vista, do son e das texturas [ Ocupación máxima: 20 bebés, sempre acompañados dunha persoa adulta] .
A xogar á rúa! [16-20h] Xogos de habilidade, de enxeño e xogos ópticos, pero sempre pensados para interactuar co exterior. Unha proposta para devolverlles a rúas e prazas o seu papel como espazo de xogo, socialización e diversión para a cativada. Un uso/función que nunca deberon perder. Súmaste á súa divertida reconquista?
Fantasías pola cara [16-20h] A quen non lle gusta ser outra persoa por un día? A través de tatuaxes efémeras e maquillaxes daraslle cor e fantasía á túa faciana para sentir, tamén no aspecto, que formas parte do mundo máxico de Cidade Imaxinaria!
Os xogos do Helder [16-20h] A diversión non é exclusiva da tecnoloxía, senón da vosa capacidade de enxeño,que tedes a moreas! Estes xogos tradicionais centenarios, de orixe lusa, están artellados en dous materiais sinxelos: corda e madeira, que conseguen cativar a xeración tras xeración. Trebella con eles e descubrirás o porqué.
ESPAZO ESCÉNICO CIDADE IMAXINARIA
Monitoleando [16:30 a 17:15h] Monitola é unha exploradora moi despistada na procura dun tesouro, o que lle fará percorrer medio mundo. Esta divertida aventura para toda a familia chea de emoción, humor e circo ensinarache que viaxar non se limita a cambiar de lugar, senón que a experiencia e o intercambio con outras culturas e olladas tamén te converte, sen dúbida, en mellor persoa.
Ulterior... A viaxe [17:15 a 18:15h] Unha aventura no tempo, espectacular e colorista. Un científico aventureiro, o seu contramestre e unha muller-paxaro descobren unha fascinante especie animal de ata 5 metros de altura! Vas quedar pampo/a cos incribles e agarimosos dragosaurios, que o único que queren é xogar e divertirse contigo. Novas amizades á vista!
Express [18:15 a 19h] As principais disciplinas circenses cunha boa dose de humor. Clown, acrobacias grupais, ademais de técnicas como o mastro chinés, a báscula, as verticais e os equilibrios son os ingredientes desta representación que fai as delicias de maiores e da cativada. Garantimos gargalladas e ollos como pratos!
Nómades [19 a 20h] Espectáculo de gran formato no que unha familia de nómades migrantes viaxa pola Cidade Imaxinaria nunha roda xigante e a través de abraiantes exercicios de aéreos, corda, trapecio, cadro fixo e acrobacias. Se pensabas que xa o tiñas visto todo nestas disciplinas, quédate con esta hora para non perder os fascinantes números circenses.
ESPAZOS VERDES, DE LECER E PARA XANTAR ENTRE A NATUREZA DO GAIÁS
Cidade Imaxinaria tamén é unha cidade verde. Ao comezar todos os espectáculos, xogos e funcións pola tarde, por que non aproveitas ti e a túa familia para a descuberta pola mañá das zonas verdes que rodean a Cidade da Cultura? Achégate ao ampliado Bosque de Galicia, un dos grandes pulmóns verdes de Compostela; a continuación podes descansar ou xantar ( antes da gran festa das 16h) no Parque do Lago, que conta cun merendeiro, e continuar o percorrido polo Xardín Literario. A sobremesa previa á Cidade Imaxinaria podes facela na zona de xogo do Parque da Balea, inspirado nos monstros mariños de Urbano Lugrís.
Ademais, nestes espazos verdes poderes abraiarvos coas intervencións artísticas de Reb/veladas na paisaxe.
PETISCOS E ZONAS DE DESCANSO
E podes despreocuparte de cargar coa merenda, xa que contamos con postos de petiscos e de larpeiradas variadas para que a túa cativada descanse e repoña forzas. Pode facelo tamén nas instalacións da Cantina do Gaiás, que agora dispón dunha espectacular terraza con vistas ao Bosque de Galicia e o casco histórico compostelano (aberta de 13 a 23 horas).
VISITA A ARTE DO MUSEO CENTRO GAIÁS
Cidade Imaxinaria é unha oportunidade única para gozar en familia do lecer, da diversión e tamén da arte. Aproveita a xornada para coñecer as exposicións que acolle o Museo Centro Gaiás: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación (con visita comentada, de balde e sen necesidade de inscrición, ás 17.30h) e Baldomero Pestana, a verdade entre as mans.
COMO VIR Á CIDADE IMAXINARIA ?
O acceso á Cidade da Cultura pode facerse en vehículo privado, ata completar os aparcametos dos que dispón o complexo. Desde a Cidade da Cultura tamén te convidamos a subir ao Gaiás a pé a través da rede de sendeiros do Bosque de Galicia, unha andaina en familia, divertida e saudable.
En todo caso, contas para baixar e subir a Cidade Imaxinaria das liñas habituais e unha de reforzo de Bus Urbano:
Praza de Galicia-Gaiás:
- Saídas desde a Praza de Galicia á Cidade da Cultura: 14.20, 15.00, 15.40, 16.20, 17.00, 17.40, 18.20, 19.00, 19.40, 20.20, 21.00.
- Saídas desde a Cidade da Cultura a Praza de Galicia: 14.00, 14.40, 15.20, 16.00, 16.40, 17.20, 18.00, 18.40, 19.20, 20.00, 20.40, 21.20.
LIÑA 9: Sábados mañá
Frecuencia cada 60' | Sábados 09:00 - 13:00
+ info Transporte urbano, Liña 9
LIÑA C11: Sábados tarde
Ao paso por Xeneral Pardiñas: Sábados 17:10 e 20:15
+ info Trasporte urbano, Liña C11
******* A imaxe gráfica de Cidade Imaxinaria do verán 2018 é, como na edición do pasado ano, de Sr.Reny

884.56 KB |