Divírtete coa ciencia na Biblioteca de Galicia

No mes de novembro a Biblioteca de Galicia convértese nun divertido laboratorio para a rapazada [de 12 a 15 anos], que gozará na Cidade da Cultura dunha festa de electróns e incluso será protagonista dos tan actuais xogos de estratexia e en equipo como é o escape roomIsto é posible grazas á programación de balde [previa inscrición] do Mes da Ciencia en galego, que todos os sábados do mes de novembro encherá os seus andeis de trebellos cos que experimentar e xogar coa ciencia, rachando así con dous obsoletos clixés: que a ciencia non é divertida e que o noso idioma non é o máis axeitado e preciso para afondar nela.

Room escape | 9 de novembro

Esta programación arranca o sábado día 9 de novembro cun escapismo (Room Escape), unha actividade que está en auxe como metodoloxía empregada para traballar en equipo na resolución dun conflito común.  Deste xeito, na Biblioteca de Galicia montarase unha habitación misteriosa en varias aulas. En cada unha delas haberá unha conta atrás de 30 minutos e unha variedade de enigmas por resolver. Os principios básicos dos xogos de escapismo son a lóxica, o enxeño e o pensamento abstracto.

Entre os obxectivos desta actividade están o de fomentar o traballo en equipo para acadar unha meta, dar a coñecer o traballo de investigación desenvolto polo CSIC en Galicia e achegar contidos científicos dende un punto de vista multidisciplinar e lúdico, empregando o xogo como ferramenta didáctica e potenciando a lóxica e a axilidade mental.

Animal print: as cores da diversidade | 16 de novembro

Este é título do segundo plan na Biblioteca de Galicia para o sábado 16 de novembro. Nos últimos tempos as prendas de moda baseadas nos debuxos da peles de animais convertéronse en tendencia, e cada vez máis é frecuente atoparnos con persoas cuxa vestimenta imita a aparencia externa dun animal. Chega con botar unha ollada a estas prendas para decatarnos que sempre empregan como fonte de inspiración a animais terrestres (león, tigre, cebra...)

É que os animais mariños non serven de inspiración para a creación destes estampados? Acaso non existen cores chamativas nos animais do océano? Os animais mariños empregan a súa aparencia externa como medio de comunicación. Deste xeito varían as cores, por exemplo, para camuflarse e evitar ser depredados, para enganar aos seus conxéneres empregando a distracción ou mesmo para a cópula.

A través desta actividade de expresión artística a rapazada coñecerá a gran diversidade de cores e morfoloxías que presentan os animais mariños e explicaremos cales son os mecanismos que empregan para esta produción de cor.

Festa dos electróns | 23 de novembro

O sábado 23 a Biblioteca de Galicia organizará unha orixinal e divertida festa dos electróns co noso xerador de electróns Van der Graaf, capaz de xerar un sen fin de experimentos coa electricidade e que transportará a sala a unha divertida festa.

O noso xerador será capaz de poñer os pelos de punta aos participantes, lanzar confeti, atraer a chama das candeas, xerar divertidas faíscas, prender bombillas...e moitas cousas máis!

E ademais, xogando e divertíndose aprenderanse unha chea de conceptos sobre os electróns: como se moven ou por onde viaxan as cargas eléctricas, entre outra máis información abraiante.

Contaminación mariña | 30 de novembro

A programación do Mes da Ciencia en galego na Biblioteca de Galicia rematará cun  importante e instrutivo obradoiro no que se procurara  a implicación das xeracións máis novas para a conservación dun planeta máis sustentable. Este obradoiro está dirixido a rapaces e rapazas a partir de 12 anos e centrarase no problema da contaminación mariña nos océanos.

A contaminación ambiental, concretamente provocada pola acumulación de plásticos mariños nos océanos e as verteduras de hidrocarburos, centrarán o obradoiro: Como podemos acabar coa contaminación mariña? Nesta actividade práctica buscarase o xeito de que todos e todas as participantes se sintan capaces de aportar o seu grao de area para acabar con este grave problema.

Así, da man dun equipo de científicos especializados no estudo da contaminación mariña e uns divulgadores científicos, os e as participantes estarán preparados para transformar a información que se xere no obradoiro nunha mensaxe que chegue a todo o mundo. A idea é que os/as participantes aprendan un pouco máis deste fenómeno que constitúe unha das principais ameazas para a vida en todo o planeta.

En familia
Santiago de Compostela, 15 de Outubro de 2019