Agosto comeza cun Atardecer flamenco, outro folk e un poético

Xoel López, Santa Rita, Niño Burbuja, 2US, Al-Madar… Un total de once espectáculos para once vibrantes “Atardeceres no Gaiás” animaron as tardiñas do mes de xullo. O pop, o jazz, a experimentación dan paso a un mes de agosto cargado de actuacións de todos os estilos que arranca este xoves, día 2.

O son madurecido de Cynthia Ucero “La Canija” e o toque contemporáneo da guitarra de Ricardo Espada dan corpo a un recital flamenco co que comezan estes novos “atardeceres” de agosto. A nova cantaora madrileña e o guitarrista e o compositor sevillano amosarán este xoves 2 de agosto a partir das 21:00 horas o cante e o toque flamenco desde a perspectiva máis pura á máis moderna pero sen que perda a súa esencia.

Tras eles, a Cidade da Cultura faise internacional o venres para recibir a Simone White. Co seu folk pop máis fresco, Simone White non é unha  cantautora máis. Avalada por Damon Albarn (Blur, Gorilaz), a artista de Hawai, afincada nos Ángeles, despunta co seu exquisito folk no cada vez máis competitivo mundo das cantautoras norteamericanas. Din dela que está á altura de Alela Diane ou Joan As Police Woman, por iso a actuación deste venres na praza exterior do Gaiás non deberías perdela.

E para acabar con bo pé a semana, Xardín Desordenado trae á Cidade da Cultura a súa exquisita combinación de música e poesía. No outono de 2008, estes músicos de Vigo decidiron percorrer librerías e bibliotecas na procura de palabras para musicalizar. A selección non obedeceu a criterios cronolóxicos, estilísticos ou temáticos, senón á inspiración ou provocación que producían neles. No seu primeiro traballo discográfico musicalizan textos de poetas galegos como Daniel Salgado, Darío Xohán Cabana, Manuel María ou Uxío Novoneyra co bolero, o swing ou o blues. Unha cita ineludible para gozar en boa compañía en un escenario espectacular do atardecer deste sábado.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 30 de Xullo de 2012