A ollada feminina nos retratos do Camiño

Santiago de Compostela, 1921. Dúas mulleres ollan á lente dunha cámara mentres sorrín timidamente. Son dúas augadeiras que portan sobre as súas cabezas cadansúa sella chea de auga. Hoxe, as mulleres fotografadas un século atrás no transcurso das súas ocupacións rutineiras transpórtannos a un tempo pasado que nos provoca estrañeza á vez que esperta a nosa curiosidade.

Moi preto, en plena Praza das Praterías, o fotógrafo alemán Otto Wunderlich retrata a unhas mulleres que se están a reunir arredor da fonte dos Cabalos, agardando para encher os seus baldes. Fontes, regatos e máis tarde tamén lavadoiros constituíron, dende finais do XIX até mediados do século pasado, importantes lugares de encontro en vilas e cidades. Espazos de reunión nos que conversar e compartir sen reservas ideas e pareceres inadmisíbeis noutros contextos.

Outra imaxe incluída na mostra «O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra», amósanos a unha ducia de lavandeiras axeonlladas á beira dun regato coa maxestosa Catedral de Compostela ao fondo. Así, a ollada feminina tingue por completo estes retratos, nos que se materializa un legado cultural que lles pertence só a elas.

Localizacións case irrecoñecibles e actividades noutro tempo habituais pero que agora nos resultan completamente alleas chegan ata os nosos días en forma de instantáneas para revitalizar a memoria e aproximarnos ao patrimonio cultural e etnográfico dos diferentes lugares polos que transcorre o Camiño Portugués.

Estas e outras escenas inmortalizadas e gravadas en papel fotográfico son atesouradas nos arquivos e centros culturais para volver ser motivo de inspiración en proxectos expositivos como «O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra». Dende Porto ata Compostela, esta escolma de imaxes históricas e contemporáneas tomadas por grandes figuras da fotografía documental traza un percorrido pola historia, o patrimonio e a memoria coa ruta xacobea como punto de encontro.

Santiago de Compostela, 17 de Marzo de 2022
 
Autor descoñecido. Mulleres lavando roupa no río Umia. Caldas de Reis. Pontevedra, c.1930. Colección ROISIN/IEFC
Autor descoñecido. Mulleres lavando roupa no río. Santiago de Compostela, c. 1925 Colección ROISIN/IEFC
Otto Wunderlich. Praza das Praterías. Santiago de Compostela. A Coruña, c. 1925. Colección ROISIN/IEFC
Autor descoñecido. Augadeiras. Santiago de Compostela. A Coruña, c. 1921. Colección ROISIN/IEFC