Do refrán ao tweet: pílulas de sabedoría dende a Cidade da Cultura

Refrán, pintada, aforismo, micropoema, haiku, slogan, tweet… Do formato popular ás novas tecnoloxías pasando pola literatura, a arte ou a publicidade, a síntese eríxese como peza imprescindible á hora de comunicar. Afondar no valor do que se deu en chamar “pensamento breve” dende múltiples ópticas é o obxectivo de Laboratorio de Pensamento Breve, actividade que a Cidade da Cultura desenvolverá ao longo de seis sesións que terán lugar no mes de novembro.

A través de diferentes áreas do coñecemento (arte, literatura, socioloxía, neurociencia, metafísica e formas populares) e guiados polas reflexións de expertos como o artista visual Antón Patiño, o profesor Manuel Outeiriño, o filósofo Amador Fernández-Savater, o divulgador científico Xurxo Mariño ou os profesores Ignacio Castro e Joxerra Garzia; os participantes neste laboratorio explorarán novas formas de comunicación que se espallan da man da revolución tecnolóxica, como o tweet ou eslogans publicitarios; revisarán a importancia da brevidade na obra de eruditos que souberon cristalizar o seu coñecemento en aforismos, haikus ou micro ensaios, como Heráclito, Nietzshe ou Ciorán; e analizarán a presencia do breve na cultura popular, como os refráns ou as pintadas.

Cada sesión contará cun relatorio inicial a cargo dun experto, seguido dun coloquio aberto a todos os asistentes e un obradoiro onde se explorará a potencia dos formatos breves como ferramenta para a transmisión de saberes e no que se exercitarán as destrezas na elaboración de aforismos. Os seis encontros terán lugar os venres á tarde e os sábado á mañá durante tres fins de semana consecutivos: 11,12, 18,19, 25,26 de novembro. Celebraránse na Biblioteca de Galicia e os horarios serán os venres ás 19 horas e os sábados ás 12 horas.

Laboratorio de Pensamento Breve terá, ademais, vida propia na rede a través de dúas actividades abertas a todos os públicos. A primeira virá da man de Twitter, a rede social que mellor sabe condensar o pensamento a través de 140 caracteres. Para participar nesta tendencia polo discurso breve, a Cidade da Cultura convida á comunidade virtual a enviar haikus, aforismos ou micropoemas baixo o hashtag #breve á conta oficial @CidadedaCultura. Os mellores serán colgados no Facebook, onde se abrirá unha votación pública para elixir as mellores pílulas de sabedoría enviadas. A actividade na rede conta cunha segunda proposta: gravar en calquera formato vídeo o refrán favorito, estraño ou curioso e envialo ao correo electrónico online@cidadedacultura.org. De entre todos os enviados elexirase, por votación popular no Facebook, os preferidos polos seareiros da Cidade da Cultura.

As persoas interesadas en participar no Laboratorio deben cubrir o formulario electrónico dispoñible na web www.cidadedacultura.org. As prazas dispoñibles son 20 e o prezo da matrícula é de 50 euros. O prazo das solicitudes remata o mércores, 2 de novembro, ás 14 horas.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 19 de Outubro de 2011