O primeiro bastón peregrino

A Catedral de Santiago de Compostela alberga numerosos tesouros que pasan inadvertidos para a maioría dos visitantes. A pesar de que algúns se atopan xusto diante dos nosos ollos.

É o caso do bordón –ou bastón- de Santiago, atopado no interior do sepulcro apostólico e sacado polo bispo Teodomiro por orde do rei don Afonso. Este primeiro bastón peregrino, chegado a Galicia de terras palestinas xunto co corpo do Apóstolo, atópase desde o século XVI nun dos alicerces do cruceiro da Catedral, inserido nunha fina columna torsa que segue o modelo das do Pórtico do Gloria. Un relicario que os visitantes á exposición Camiño. A orixe poden contemplar no segundo andar do Museo Centro Gaiás, ao principio da parte da mostra dedicada ao Peregrino.

Como chegou o bastón do Apóstolo a ser parte da Catedral? Desde que se atopou a súa tumba  ata finais do século XVIII, fieis e peregrinos non tiñan contacto físico cos seus restos, ocultos no trasaltar da Catedral e sinalados cunha estrela no cenotafio do altar maior. Este feito provocaba certo desacougo nos peregrinos, á vez que mantiña vivo o debate sobre que restos se custodiaban na Catedral compostelá. Para calmar os ánimos, durante estes séculos a Catedral ofrecíalles toda unha serie de reliquias e relicarios vinculados ao Apóstolo: a cadea coa que o apresaron en Xerusalén, o coitelo co que foi martirizado, o corno dun dos bois bravos que transportaron o seu corpo de Iria Flavia a Compostela…

E entre todos eles, o que máis destaca é o relicario do bordón ao que, ata finais do século XIX, os fieis se achegaban para cumprir co ritual de tocar cos dedos o regatón do báculo de ferro, inserido na mencionada columna de bronce. Aínda que hoxe pasa prácticamente desapercibido para a maior parte dos fieis e peregrinos que chegan á Catedral, o relicario do bordón é unha das poucas que chegaron aos nosos días.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 26 de Maio de 2015