REGA | Residencia RESIS

As Residencias artísticas REGA da Cidade da Cultura de Galicia déronlle acubillo e pulo creativo ao proxecto «Formas da apariencia», conformado por tres pezas de vídeo arte que foron gravadas no Museo Centro Gaiás e coas que botou andar o 22 de abril na Coruña o Resis Festival, especializado en música contemporánea.

Neste proxecto coreográfico - performativo exploráronse os límites do corpo a través do movemento de dous bailaríns introducidos total ou parcialmente dentro de dúas pezas de roupa. O lugar de traballo foi o espazo reducido desas pezas de roupa; o limite corporal fronte ao do tecido que o envolve, fronte aos cánones ou estereotipos que o aprisionan.

A composición musical guiou e motivou os movementos que xurdiron dunha pulsión do corpo entregado ao son, nun achegamento estético á escultura ou á danza.

Esta videoinstalación de Verónica Vicente, que tamén se proxectará no Gaiás dentro da programación do Día dos Museos, pretende agudizar a crítica sobre o corpo que é pensado para os demáis, a excesiva preocupación sobre a fachada e a imaxe que proxectamos.

EQUIPO ARTÍSTICO:

  • Creación visual : Verónica Vicente 
  • Dirección musical: Hugo Gómez-Chao
  • Performance: Colectivo Glovo (Esther Latorre e Hugo Pereira)
  • Improvisación ao violonchelo: Macarena Montesinos

Imaxes: Da propia videoinstalacion e de Óscar Corral durante os ensaios da estadía creativa no Museo Centro Gaiás.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 19 de Abril de 2021