Lura xigante varada no Museo Gaiás | Os brancos segredos do seu ventre

Unha lura xigante feita de cerámica nun estilo minuciosamente realista, guindada no chan do Museo Centro Gaiás e enchoupada en tinta negra, como se acabase de ser varada polo mar. Esta é a impactante peza de David Zink Yi (Lima, 1973) que forma parte da exposición «Os brancos segredos do seu ventre», unha coidada escolma cromática dos fondos da Fundacion Rac (Rosón Arte Contemporánea).

Unha obra que non deixa indiferente e que a comisaria Bea Espejo enxalza na mostra por establecer un diálogo co espazo arquitectónico do Museo Gaiás —inspirado nunha balea— e co título da exposición —extraído da novela «Moby Dick»— ao ser esta misteriosa especie mariña o alimento favorito dos grandes cetáceos.

No percorrido cromático do branco ao negro ao que nos convida esta mostra, finalizar o relato cunha creación tan abraiante non só non defrauda, senón que empurra a fiar novas historias posibles, como os mitos e lendas dos que ten sido moitas veces protagonista esta especie que habita nas profundidades do océano desde fai millóns de anos.

Nas obras de David Zink Yi evidénciase un constante interese polos rituais. E esta peza non está exenta deles: desde a súa instalación na Cidade da Cultura de Galicia e coa periodicidade de cada tres días a súa tinta negra —composta principalmente por melaza— debe ser renovada evitando así a súa evaporación.

Ven coñecer esta e o resto de medio cento de creacións que conforman a mostra, de balde e por libre, de martes a domingo de 10 a 20 horas. Ou a través de visitas comentadas co noso persoal de guías para as que é preciso facer reserva



Fotos: Manuel G. Vicente

Santiago de Compostela, 07 de Abril de 2021