A lauda peregrina sen peregrino

Sombreiro, longa túnica adornada con cunchas de vieira e bordón na man dereita. A figura dun peregrino agroma en relevo na pedra granítica da lauda sepulcral que dá a benvida ao visitante á última etapa da exposición Camiño. A orixe, dedicada ao Peregrino. Trátase da coñecida como Lauda do peregrino, pertencente á colección de laudas medievais máis importante do mundo: a que alberga a vila coruñesa de Noia na Igrexa de Santa María a Nova. Pero a pesar da súa apariencia e da propia tradición, a lauda do peregrino ben puido non enterrar a un peregrino. É máis, pode ser incluso que os nosos ollos mintan e non se trate dun peregrino.

Carniceiros, coireiros, xastres, canteiros, carpinteiros, mariñeiros… Nunha época na que a maior parte da poboación non sabía nin ler nin escribir, os sepulcros non levaban inscrito o nome do defunto, senón un símbolo que o identificase: escudos, signos familiares, figuras humanas ou mesmo instrumentos de diferentes profesións. 

A tradición conta que a lauda do peregrino, datada cara ao 1.500, puido pertencer a un peregrino anónimo atendido no Hospital de dentro ou Hospital dos peregrinos, edificio que servía de albergue aos peregrinos que ían a Compostela ou que viñan de alí rumbo a Fisterra. A pesar de parecer a máis evidente, esta teoría parece improbable, polo que unha das opcións máis baralladas é que se trata da lauda dun home común que desexou ser enterrado baixo esta figura.

Mais, o peregrino da lauda pode non ser un peregrino? Así o aseguran algunhas teorías. A ausencia de elementos típicos na época como a cabaza ou o zurrón e a presenza de varios elementos discordantes –un libro na man esquerda xunto con numerosos instrumentos de traballo: aixó, machada, compás e escuadra- así o suxiren. O noso peregrino pasaría a ser, pois, un membro do gremio de carpinteiros e canteiros do Espíritu Santo. Mais concretamente un carpinteiro de ribeira. E, probablemente, o cofrade maior. A túnica de peregrino pasaría a ser a roupa solemne do cofrade, o bordón sería o bastón ceremonial e o misterioso libro, o libro de ordenanzas do gremio. E as cunchas de vieira? Un recordo das súas viaxes a Compostela.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 09 de Xuño de 2015