Hoxe termina o I Encontro de Artistas Novos da CdC

Desde o pasado luns, os cen mozos participantes coñeceron de primeira man a obra de artistas como Daniel Canogar, Pierre Gonnord, Suso Fandiño, Marina Núñez, Victoria Diehl, Carles Congost, Antonio Ballester, Rubén Ramos Balsa e José Luis Serzo, e dialogaron con comisarios e xestores culturais como David Barro, editor de DARDO, Carmen Fernández, directora do MACUF, Miguel Von Hafe, director do CGAC, Iñaki Martínez, director do MARCO, e Ana Soler, profesora da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

O encontro serviu tamén para achegar a mozos galegos e de fóra da comunidade as infraestruturas galegas dedicadas á arte contemporánea, como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo.

Ademais, durante o Foro Aberto, os artistas tiveron a oportunidade de descubrir a obra dos seus compañeiros, en catro xornadas nas que compartiron as súas reflexións e inquedanzas en torno a creación artística.

A convivencia durante estes cinco días foi tamén parte importante do Encontro: Marta Bran, unha das participantes, destacou a posibilidade que tiveron de “intercambiar ideas e proxectos”, así como de “encontrar puntos de encontro e poder asesorarnos entre nós en canto a axudas ou becas dispoñibles”. Pola súa banda, Paula Cabaleiro valorou a “accesibilidade dos artistas, tanto durante as conferencias como fóra delas”. Antonio Fernández Alvira subliñou o feito de estar con xente que se dedica a disciplinas similares e poder “conversar sobre o que significa dedicarse á arte”.

Santiago de Compostela, 09 de Setembro de 2011