No mes de novembro a Biblioteca de Galicia converterase todos os sábados nun divertido laboratorio con experimentos e moita ciencia —explicada en galego e para todos os públicos— grazas a obradoiros, faladoiros e incluso unha obra de teatro científica adaptada para persoas con problemas con dificultade auditiva.
Actividades para descifrar a ciencia nos alimentos ou as matemáticas na configuración dos seres vivos son algunhas das interesantes e abraiantes propostas que vos agardan, impartidas polo Consello Superior de Investigación Científica (CSIC - Galicia) e Ciencia en movimiento, que procuran, un ano máis, rachar con dous clixés xa obsoletos: que a ciencia non é divertida e que hai idiomas máis axeitados ca outros para difundila.
Velaquí o menú científico cunha divertida carta que se servirá sempre ás 17 horas. Só tedes que escoller e inscribirvos. De balde:
— Ciencia que alimenta | 7 de novembro
— Obradoiro de química | 14 de novembro
— Faladoiros de ciencia | 21 de novembro
— De onde proveñen os números que describen os seres vivos? | 28 de novembro

