Que segredo agocha unha carta?

A Cidade da Cultura de Galicia réndelle mañá sábado, 14 de febreiro, unha homenaxe ao correo postal cun encontro entre carteiros e o equipo da obra La máquina de la soledad de Oligor e Microscopía, da que hoxe se representará a última función no marco do festival Escenas do cambio.

A partir das 12 horas, o Museo Centro Gaiás será o escenario deste encontro entre traballadores de Correos, carteiros en activo e carteiros xubilados, e as historias recompiladas ao longo do máis de corenta anos de profesión, e o equipo de La máquina de la soledad, no que o público descubrirá os segredos que pode agochar unha soa carta.  

Precisamente, os  autores deste “teatro de obxectos documental” construíron La máquina de la soledad a través dunha arqueoloxía de obxectos, imaxes e anécdotas insólitas investigadas por escribáns, carteiros xubilados, arquivos e traballadores de correos. Un feixe de historias que comparten ao redor do mundo co público e que enriquecen con novos encontros con carteiros en todas aquelas cidades polas que pasa o seu espectáculo. 

A entrada a este encontro é de balde e está aberta a todo aquel que nesta era de internet e novas tecnoloxías queira comprobar a importancia dunha carta ou dun telegrama e do labor dos mensaxeiros que as transmiten.

No marco do festival Escenas do cambio, a última función de La máquina de la soledad poderá verse mañá ás 17:00 horas no Museo Centro Gaiás. Prezo: 8€.

 

Música & Escena
Santiago de Compostela, 13 de Febreiro de 2015