EAN: Máis de 800 páxinas para percorrer o devir da creación emerxente da última década

Con motivo do EAN12, editamos unha fermosa publicación conmemorativa do Encontro de Artistas Novos, que nos permite mergullarnos, da A a Z, nos centos de artistas, emerxentes e consolidados/as, que neste tempo amosaron o seu traballo no Gaiás na que xa é unha das citas imprescindibles da creación contemporánea en España.

 

O Encontro de Artistas Novos é un espazo de convivencia e diálogo para compartir experiencias entre creadores de dentro e fóra de Galicia, con múltiples perspectivas vitais e profesionais. Desde o seu nacemento, converteuse en sinal de identidade da Cidade da Cultura, unha das citas ineludibles da súa programación, e un baluarte da súa actividade cultural.

Os e as artistas que se achegaron a Santiago de Compostela nalgunha destas doce edicións do EAN hoxe exhiben en galerías, museos e centros culturais de todo o mundo. Como un recoñecemento ao seu traballo e á traxectoria do que hoxe xa é un dos principais foros da arte contemporánea de España nace esta publicación conmemorativa, que nos ofrece unha ollada aos primeiros pasos, cheos de beleza e valentía, dos creadores e creadoras.

Deseño: Desescribir // Edición bilingüe galego-castelán // 112x194 mm // 821 páxinas

Santiago de Compostela, 13 de Setembro de 2022