O 27 de maio viaxa a un mundo perdido

Décadas de exploracións, un paraíso natural oculto, etnias milenarias, obxectos máxicos… O 27 de maio, o Gaiás convídate a introducirte no corazón da selva amazónica e realizar a viaxe da túa vida: unha inmersión “Mundo Perdido”, un lugar protexido e cálido, onde apenas o un por cento da luz solar logra alcanzar o chan ao mediodía pero no que o ser humano atopou hai doce mil anos un acolledor fogar ondea topar todo o necesario para vivir.

Será a través da exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, unha homenaxe excepcional á tradición cultural das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano e un canto á natureza virxe e ao respecto polo medio natural.

A mostra está formada polas máis de 1.500 pezas que integran a Colección Orinoco, a mostra étnica máis importante de Latinoamérica pertencente á prestixiosa Fundación Cisneros de Venezuela, que chega por primeira vez á Península Ibérica tras viaxar durante trece anos por algunhas das institucións culturais máis importantes de  Europa.

O Museo Centro Gaiás recibiu esta semana as máis de mil cincocentas pezas de arte étnica procedentes de Xenebra. A totalidade da colección chegou sen incidencias grazas ás medidas establecidas para o transporte e á calidade dos seus oitenta embalaxes, algúns con deseño especial para albergar materiais delicados como plumas, tecidos de algodón e fibras suaves, cerámicas e frechas.

As diferentes pezas comezan agora a distribuirse polo Museo Centro Gaiás en tres ambientes: crenzas e rituais, natureza e vida cotiá; co obxectivo de amosar o hábitat e a forma de vida destas etnias do Amazonas. O discurso expositivo da mostra completarase con outros materiais como as cento vinte imaxes que reproducen as súas culturas, paisaxes e exuberante natureza procedente de dúas excepcionais coleccións: a realizada por Edgardo González Niño ao longo das súas expedicións e do naturalista, fotógrafo e explorador Charles Brewer Carías. Música ceremonial de catro etnias e cinco pezas audiovisuais axudarán ao espectador a introducirse nunha das rexións máis salvaxes, inaccesibles e máxicas do planeta.

Coñecedores dos importantes recursos fluviais que temos na nosa comunidade, Orinoco. Viaxe a un mundo perdido tamén incluirá unha pequena mostra etnográfica de Galicia, explicando a vida ao redor dos nosos ríos. Esta mostra contará con corenta e cinco pezas procedentes de institucións e coleccións da nosa comunidade que veñen a falarnos da tradición da pesca e da navegación. As pezas estarán acompañadas de imaxes que retratan as paisaxes e costumes da vida fluvial galega.

Santiago de Compostela, 15 de Maio de 2013
Montaxe da exposición "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido"
 
Foto: Manuel G. Vicente