Público, cidade e viabilidade,as recetas do FIEC

Vimos festivais clásicos, de teatro, de música, de homenaxe ás letras, festivais locais, innovadores, minoritarios… As dúas xornadas do Foro Internacional de Espazos para a Cultura ofreceunos un crisol de eventos con características propias pero con tres puntos comúns:

  • Implicación do público co festival. Desde David Binder, quen destacou a necesidade de que o público pase de ser un mero espectador a un actor, ata Hortense Archambault, que situou ao asistente ao festival no centro do mesmo: facilitando que asista ao proceso de creación e mesmo que interactúe cos artistas, establecendo un diálogo creativo. Incluso desde a vertente máis ligada á viabilidade económica, como expuxo Jesús Cimarro a través da multiplicación de canles para vender entradas e chegar ao maior número de espectadores posibles ou facilitando o acceso a persoas con discapacidade.
  • A importancia do local.  A cidade como escenario (desde o caso de Cartaxena, cunha transformación da cidade que lle foi dando forma ao festival, ata o de Aviñón, coa cidade convertida nunha auténtica cidade teatral), a implicación da propia veciñanza  e do tecido produtivo local (caso do festival de Mérida, cun novo equipo basado en profesionais estremeños).
  • “O patrimonio cultural é viable”. Agarrarse á frase de Jesús Cimarro é difícil á vista dos exemplos que pasaron polo Gaiás. Mais a creatividade tamén ten que estar no lado da xestión: a pesar da crise e a merma dos orzamentos, hai que buscar novas fórmulas para facer viable a cultura. Desde a fórmula mixta (festival público xestionado pola empresa privada) ata a clásica captación de patrocinadores (con aportacións económicas ou en especies). E sempre baixo unha premisa clave que nos deixou María Sheila Cremaschi: "A cultura non pode ser de balde".

Son tres puntos aos que Jonathan Mills, director do Festival de Edimburgo, engadiu unha cuarta clave: a importancia dos artistas. Mills apostou por darlle liberdade, por poñer as infraestruturas culturais ao seu servizo, o que dará lugar a unha nova visión dos nosos espazos, das nosas tradicións, en definitiva, da nosa cultura.

Todas as conferencias que integraron o III Foro Internacional de Espazos para a Cultura poden volver a verse desde a canle de youtube da Cidade da Cultura ou na propia páxina do evento nesta web.

 
Santiago de Compostela, 18 de Novembro de 2013