A amizade entre Díaz Pardo e Seoane

Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane protagonizaron unha fermosa historia de amizade da que froitificaron proxectos culturais de tanta envergadura como o Laboratorio de Formas ou o Museo Galego de Arte Contemporánea - Carlos Maside. Desde a semana pasada, a Cidade da Cultura exhibe de forma permanente un testemuño único deste vínculo: o mural que Seoane concibiu para a fábrica de Porcelanas de Magdalena, que Isaac fundara na pampa arxentina, a carón do río da Prata.

Díaz Pardo encargoulle ao seu amigo este mural para adornar a entrada da factoría coincidindo cunha visita do gobernador da provincia de Buenos Aires, pola inauguración do Laboratorio Cerámico de Magdalena, que incluía un Laboratorio de Formas. Foi o propio Isaac quen construíu a base do mural sobre o deseño e as indicacións de Seoane, que nunha visita a Magdalena el mesmo rematou e asinou.

A obra, de 2,30 por 3,90 metros e 200 quilos de peso, é unha das poucas testemuñas que temos en Galicia da produción muralística de Seoane. Foi instalada a comezos de mes no Museo Centro Gaiás, onde xa podedes admirala. Máis información, premendo neste enlace.

Fotos: Traballos de instalación do mural no Museo Centro Gaiás (Manuel G. Vicente).

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 15 de Decembro de 2020