Troco solidario de cancións por regalos

Mehnai, La Familia, Jane Joyd, Abraham Boba e Alondra Bentley puxeron a música. E o numeroso público que se achegou este martes á tarde ata a Biblioteca da Cidade da Cultura, a ilusión en forma de regalos.

Máis de duascentas familias desfavorecidas de Galicia poderán contar cun agasallo o Día de Reis grazas á solidariedade de todos os que formaron parte do concerto “Cancións por Regalos”, onde soaron cinco das mellores bandas indie-pop do momento a cambio dunha entrada simbólica: un obsequio para un neno que a ONG Iniciativa Social Berce se encargará de repartir entre os que máis o necesiten.

Nun ambiente cálido e familiar, a compositora cántabra Mehnai foi a encargada de quecer o ambiente coa súa voz prometedora e a complicidade co público máis miúdo, encargado de demostrar que a música non entende de idades. A viaxe ao son do pop dos 60 chegou co grupo galego La Familia, aos que seguiu Jane Joyd, o proxecto musical da coruñesa Elba Fernández, situado na onda do novo folk americano. Tras eles, o vigués Abraham Boba, man dereita de Nacho Vegas; mentres que o broche de ouro correu a cargo de Alondra Bentley, quen non dubidou nin un momento en baixarse do escenario para cantar e bailar uns cantos temas cos máis pequenos. A entrega dos músicos foi total, adaptando parte do seu repertorio a un formato acústico e un público máis familiar; igual que a dos asistentes, que celebraron cos seus aplausos e a súa solidariedade a fusión de música e iniciativa social.

Foron cinco miniconcertos, duns 25 minutos cada un, que non só deixaron un bo regusto musical no padal, senón unha montaña enorme de xoguetes que permitirá devolverlle o sorriso a máis dun neno.

En familia
Santiago de Compostela, 04 de Xaneiro de 2012