En novembro imos rachar na Cidade da Cultura con dous falsos estereotipos á vez: os de que a ciencia e as bibliotecas non son divertidas.
A Biblioteca de Galicia súmase, un ano máis, á programación do Mes da Ciencia en Galego, obradoiros amenos cos que investigar, experimentar e atopar novas e interesantes descubertas nun espazo no que ademais de moitos libros tamén hai moita diversión entre os seus andeis.
O Mes da Ciencia en galego na Biblioteca de Galicia comeza este sábado, día 4 de novembro, cun obradoiro dirixido a nenos e nenas de entre 9 a 12 anos de idade e arranca cunha proposta ben orixinal: "Atréveste a tocar nun grupo prehistórico?" .
Esta actividade xorde, como xorden todas as investigacións científicas, a raíz de facernos preguntas: Como soaba a música na prehistoria? Cal sería a canción de moda do verán hai 14.000 anos?
Neste obradoiro didáctico os participantes poderán descubrir a música daqueles tempos, aproximándose aos diversos restos arqueolóxicos e ao rexistro etnográfico como referentes. Deste xeito, preténse que se acheguen e entendan a música como unha forma de comunicación e unha das formas de divertimento máis antigas.
Os participantes aprenderán as diversas familias de instrumentos musicais da época, os materiais, os tipos de sons e ademais crearán unha bramadera, un dos instrumentos musicais máis antigos que se coñecen. Realizarase esta peza con madeira e pintarase a súa superficie mesturando pigmentos naturais. Rematarase a actividade aprendendo a utilizar este instrumento de comunicación para enviar mensaxes moi divertidas.
O seguinte obradoiro é o sábado seguinte, o 11 de novembro, e tamén dirixido a rapaces entre os 9 e 12 anos de idade. Nesta ocasión, os participantes mergullaranse no fascinante mundo das Criaturas mariñas. Nesta actividade poderán coñecer algunhas criaturas mariñas misteriosas protagonistas do cinema de ciencia ficción.
A través dunha charla dinámica farase un repaso pola maioría delas, dende as que foron lendas no século de ouro da navegación ata as criaturas protagonistas da ciencia ficción. Luras xigantes, baleas con sentimentos de vinganza, extraterrestres con morfoloxías mariñas, reptiles mariños monstruosos... serán algúns dos exemplos das temáticas a tratar.
Na segunda parte do obradoiro farase un pequeño xogo, “realidade ou ficción”, no que os participantes terán que adiviñar se a imaxe proposta pertence a un animal real ou se é unha creación ficticia.
A actividade completarase cunha experiencia práctica na que empregando lupas estereoscópicas (binoculares), os participantes poderán observar e coñecer de primeira man criaturas mariñas pertencentes ao plancto, que nalgúns casos foron fonte de inspiración de famosas criaturas protagonistas da ficción.
Enrólate coa robótica! Este e o divertido convite-obradoiro que fai a Biblioteca de Galicia para os dous últimos sábados do Mes da Ciencia en Galego, os días 18 e o 25. Neste obradoiro, impartido pola Institución Galega da Ciencia, os participantes familiarizaranse coa presentación, demostración e resolución de desafíos en equipos con LEGO EV3.
Todas as actividades do Mes da Ciencia son de balde, mais precisan de inscrición previa en cada un dos eventos creados en cidadedacultura.gal.
