Vive este Nadal no alto do Gaiás

Forma parte da primeira revista musical infantil, segue a historia dos 'cheiretas' da man de Rober Bodegas e a música da banda 'Bababum', bota unhas risas e uns bailes coas divertidas cancións de Candela y Los Supremos, converte o 2013 nun álbum feito por ti mesmo, decora a túa propia bola de cristal nevada, saca a túa vea artística e aprende a confeccionar gravados, ilumina coa túa voz as Torres Hejduk, fai da túa postal a felicitación máis orixinal do Nadal... e, por riba de todo, pasa unha tarde entretida e creativa no alto do Gaiás.

Este é o desexo da Cidade da Cultura para estas datas: que as compartas connosco a través dun programa de actividades no que a diversión, o lecer e a aprendizaxe vaian da man. Do 20 ao 6 de xaneiro, vive o Nadal no Gaiás.

Música e espectáculo en directo

Danza, music-hall, claqué, teatro, clown, monicreques, mimo e acrobacias nun espectáculo cheo de luz, brillo e cor. Todo é posible en Simplicissimus, o cabaré infantil que o 28 de decembro terá lugar no Museo Centro Gaiás en dous pases: 18 e 20 horas. O maior espectáculo do Nadal ten unha entrada individual de 5 euros e unha especial para familias: catro entradas a 15 euros. (A entrada familiar só é posible adquirila en venda anticipada a través do teléfono de Servinova 902 504 500).

Dous concertos, un regalo

Cancións por regalos animará a tarde do 4 de xaneiro baixo unha fórmula xa coñecida entre os usuarios do Gaiás: trae un regalo, goza da música e fai feliz a un neno. A edición deste ano arrancará ás 17 horas coa ópera rock infantil ‘Bababum’, un espectáculo que combina teatro, audiovisual, deseño e música en directo, conducido por Rober Bodegas e con integrantes de bandas da escena pop-rock galega como Novedades Carminha, Manos de Topo e Álex Casanova. 

Tras eles, a música de Candela y Los Supremos, a primeira nena indie que nos fará pasar un bo rato en familia con temas tan divertidos como ‘El desalojo del piojo’ ou ‘Avutarda, ser amiga tuya farda’. A entrada, como sempre, será simbólica: o regalo que ti elixas e que a ONG Iniciativa Social Berce repartirá entre os que máis o necesiten o Día de Reis.

E para facer a tarde máis redonda, tanto en Simplicissimus como en Cancións por Regalos, Mel de Galicia e o Craega ofreceranlle aos asistentes unha merenda agasallo con doces ecolóxicos, leite e mel.

Planeta KA

O domingo 22 de decembro, o Gaiás convida aos máis pequenos a converterse en cosmonautas e adentrarse en KA, un planeta descoñecido. Nenos de 1 a 3 anos poderán percorrer as montañas de cores e texturas suaves e investigar os cráteres, covas e rincóns que agochan sorpresas neste espectáculo-instalación sensorial.

Planeta KA terá lugar no Centro de Innovación Cultural en seis pases de trinta minutos (11, 11:45, 12:30, 16:30, 17:15 e 18) e a entrada dobre (adulto+neno) ten un prezo de 5 euros.

Obradoiros de Nadal

Como todos os anos, a creatividade e a imaxinación serán os ingredientes fundamentais do programa de Nadal. Por iso, o xoves 26 de decembro, nenos a partir de 6 anos aprenderán a facer esferas nevadas en O Nadal é unha bola de cristal. Aproveitando botes de vidro, utilizando plastilina e botándolle moita imaxinación, durante 90 minutos aprenderán a crear un recordo de Nadal en forma de bola nevada. 

 E para os que prefiran inmortalizar o 2013, o venres 27 de decembro celébrase no Museo Centro Gaiás o obradoiro Facendo scrap co 2013, no que rapaces a partir de 5 anos aprenderán a confeccionar un libro de memorias con retallos de cartón, lazos e telas.

Ambos os dous obradoiros celébranse en dúas quendas: 11:30 e 17 horas e teñen un custo de 3 euros.

As entradas para todos os espectáculos e obradoiros de Nadal no Gaiás poden adquirise en www.servinova.com (prezo sinalado + gastos de xestión) ou no Punto On da Cidade da Cultura de Galicia.

Obradoiro de gravado na Biblioteca

De forma paralela á exposición Técnica e Arte do gravado (28 de novembro 2013-27 de xaneiro de 2014), a Biblioteca de Galicia pon en marcha un Obradoiro de técnicas de gravado e estampación para nenos e mozos creativos.

Para os rapaces de 8 a 12 anos, o obradoiro celebrarase o luns 23 de decembro, o venres 27 de decembro e o xoves 2 de xaneiro. Pola súa banda, para nenos de 13 a 15 anos, a actividade levarase a cabo o xoves 26 de decembro, o sábado 28 de decembro e o venres 3 de xaneiro.

Cada unha das sesións son independentes entre si e para participar só é preciso inscribirse totalmente de balde.

Imaxina o teu Nadal no Gaiás

E para redondear o programa, a Cidade da Cultura convida aos máis pequenos da casa a ser parte da festa a través dun concurso de postais no que imaxinar o seu propio Nadal no Gaiás.

Pensado para nenos ata 9 anos, participar é moi sinxelo: coller a plantilla, decorala ao gusto e enviar a postal ou depositala no buzón do Museo Centro Gaiás antes do 19 de decembro. Os gañadores de cada categoría (de 0 a 5 anos e de 6 a 9) recibirán un regalo e unha entrada dobre para un dos espectáculos de Nadal no Gaiás. Podedes consultar as bases aquí.

Xogando coa luz nas Hejduk

Para compartir estes días festivos con todos os galegos, o Gaiás convida á cidadanía a formar parte dunha iluminación interactiva nas Torres Hejduk do 20 de decembro ao 6 de xaneiro.

Interferencias. Xogando coa luz é a proposta de Baltasar Patiño para as torres do Gaiás, coa que calquera visitante da Cidade da Cultura poderá intervir na iluminación das Hejduk coa súa voz, modificando as intensidades, cores e ritmos.

En familia
Santiago de Compostela, 05 de Decembro de 2013