Hamlet, un asasino común? | Escenas do cambio 2020

Que pasaría se xulgásemos publicamente a Hamlet coma un asasino ? Se nos esquecésemos da cativadora complexidade deste personaxe shakesperiano para velo coma un cidadán común que matou o seu tío, non sen antes provocar toda unha sucesión de traxedias que remataron coas mortes do chambelán Claudio, da namorada Ofelia e da súa mesma nai, a Raíña Gertudris? bit.ly/PleaseContinueHamlet

O dramaturgo e codirector Roger Bernat —un dos máis singulares creadores da escena catalá— recreará en #Escenasdocambio2020 este xuízo real na aplaudida Please, continue (Hamlet), protagonizada por un equipo xudicial real en activo (xuiz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra) e co público en calidade de xurado popular,

Despois de que Hamlet fose xulgado máis de cen veces en varios países e de comprobar como a metade delas foi condenado, Roger Bernat non desiste en seguir levando por todo o mundo esta peza. “O interesante non é ver se é culpable ou non, senón ver o funcionamento do sistema de xustiza e toda a súa teatralidade”, defende ao respecto.

Se detestas ser tratada coma unha espectadora ou espectador pasivo, tes unha cita en #Escenasdocambio o  7 de febreiro, para xulgar un dos personaxes máis ricos e con máis clarescuros da literatura universal.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 16 de Decembro de 2019