Obras de arte nas tapas dos libros | Biblioteca de Galicia

Hai cubertas de libros que son verdadeiras obras de arte. Tapas de publicacións que foron encargadas a Miró, Tapies, Picasso, Seoane, Maside ou Díaz Pardo e que decidiron enfrontarse a elas como se fosen auténticos lenzos e que  —tanto pola calidade creativa, como pola autoría das mesmas—  merecerían ser enmarcadas e amosadas como tales nun museo.

A Biblioteca de Galicia conta con estas xoias de arte feitas capa de libro e exhíbeas en «Primores do múltiplo: encadernación e coleccionismo», unha exposición para pór en valor unha característica determinante dos libros que custodia é que habitualmente pasa desapercibida: a encadernación. Neste mostra podedes gozar das que van máis aló da súa función primixenia de protexer e que son arte en si mesmas; unhas veces, pola fermosura, extremado coidado e calidade do material empregado e outras, porque están ilustradas por iconas e figuras artísticas de renome, como as mencionadas.  

O propio termo de encadernación apela á súa función primeira: asegurar o texto, manuscrito ou impreso, pregado en cadernos ao que unha protección lle asegura a supervivencia e a mobilidade controlada. Todos os elementos primarios da encadernación, destinados a manter pechado o volume ou a protexer as súas esquinas e os seus planos e a rematar os seus cosidos, convértense rapidamente en identificadores de luxo e de propiedade: materiais suntuosos coma peles e teas, adornos de ferro incisos, engarzamento de pedras preciosas, metais nobres e fíos de seda para as cabezadas.

DOUS EXEMPLOS EXCEPCIONAIS DE ENCADERNACION RICA

 

Nesta exposición móstranse dous exemplos excepcionais de encadernación rica custodiados pola Biblioteca de Galicia. A Ecclesiastica historia, impresa en 1570 en Basilea, nos talleres de Nikolaus e Eusebius  Episcopius,  é un exemplar único e diferenciado que conserva na súa encadernación unha historia secular de coleccionismo. Executada en pel de porco tratada ao alume, seguindo un modelo en boga na segunda metade do século XVI en Wittemberg (Alemaña), a decoración faise con ferros secos, combinando pranchas e rodas.

A outra obra exposta é un exemplar das Mémoires de Monsieur Du Guay-Trouin, lieutenant- général des armées navales de France, impresas en París en 1740 que procede dunha singular colección nobiliaria francesa. Trátasa dun testemuño da historia das bibliotecas privadas do Grand Siècle francés e dos avatares que as levaron a dispersarse nas vendas públicas, onde perderon o seu sentido como coleccións familiares e persoais para converterse en pezas illadas.

CUBERTAS COMO LENZOS: MASIDE, SEOANE OU DÍAZ PARDO

Fronte a esta encadernación rica, a corrente —con cubertas de pergamiño, papel, cartolina, flexible e caduca— é maioritaria. O seu interese é enorme porque é o testemuño primordial dos avances técnicos da industria do libro e pola rapidez de asimilación de novas técnicas. É un escaparate de cambios estéticos e sociais e mostra con fiabilidade a aparición doutros colectivos lectores. Desde finais do século XIX as cubertas e as tapas dos libros convértense tamén en lenzos nos que plasmar as creacións de destacados artistas.

Na exposición que se pode visitar na Biblioteca de Galicia móstranse algunhas obras nas que esa interrelación entre encadernación e arte é especialmente significativa, como por exemplo libros representativos da encadernación modernista catalá, con cubertas de artistas como Francecs Corba ou Josep Pascó, ou folletos e revistas con debuxos e gravados dos artistas de vangarda vinculados á II República.

 

Especial atención merece a presenza dos artistas galegos na encadernación editorial do século XX. Carlos Maside, Ventura Cores,  Xohán Ledo, Xosé Vizoso, Xosé Díaz, Virxilio, Pepe Barro... son nomes que pronto se farán habituais nas cubertas e tapas das obras que, na liña da recuperación cultural de Galicia, publican as novas editoras xurdidas nun novo renacer da edición galega. De esta  importante colaboración da boa conta a mostra da Biblioteca de Galicia.

Ademais dos nomes xa citados, a encadernación editorial galega conta con dou nomes incomparables e insubstituíbles, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. Ambos puxeron en marcha empresas culturais e industriais para relanzar Galicia desde as dúas beiras do Atlántico. A súa actividade editorial foi esencial para a creación dunha estética diferenciada, inseparable de Seoane e intimamente unida a Isaac Díaz Pardo. Algunhas das súas creación editorias máis significativas están presentes nesta mostra.

 

COLECCIÓN PERSOAL DE CAMILO JOSÉ CELA

Por ultimo destacar que, tanto na etapa manual como industrial da encadernación, a acción do coleccionista é o fundamento das mellores producións, unha das cales custodia a Biblioteca de Galicia en colaboración coa Fundación Camilo José Cela. Trátase da encadernación que Emili Brugalla (1901-1987) fixo da colección persoal de Camilo José Cela da revista Papeles de Son Armadans (1954-1988). 

Nesta publicación, CJC logrou reunir os creadores internacionais -artistas e escritores- máis punteiros da segunda metade do século XX. Os exemplares que el gardaba na súa biblioteca teñen o valor engadido de estar ilustrados persoalmente por algún deses artistas, como Picasso, Tapies ou Miró.

Como complemento a ese valor intelectual e artístico dos seus exemplares, CJC tivo a sensibilidade de encargar unha encadernación especial e única a outro artista, Emili Brugalla, un referente nesta arte na segunda metade do século XX. Parte deste traballo, verdadeiro “primor do múltiplo”, pódese contemplar na exposición da Biblioteca de Galicia.

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 14 de Xaneiro de 2020