Emprende Cultura Gaiás, o teu espazo de coworking

Precisas dun lugar de traballo? Que che parece un espazo onde se fomente a túa creatividade, que teña lugar nunha contorna creativa e con asesoramento de expertos no sector cultural? Se é o que buscas, “Emprende Cultura Gaiás” é o teu sitio.

A Cidade da Cultura de Galicia e Agadic poñen en marcha un novo espazo de coworking, que lle permitirá aos profesionais das industrias culturais multiplicar as súas posibilidades de negocio aproveitando as oportunidades dunha rede de contactos no sector e beneficiarse dun programa especial de formación e de presentación das súas ideas a empresas.

“Emprende Cultura Gaiás” dispón dun total de vinte postos de traballo unipersoais a un prezo  mensual de 120€+IVE cada un. O aluguer dá dereito a usalo de 8 a 22 horas de luns a sábado todos os días do ano e durante un período inicial de seis meses, prorroglables ata un máximo de tres anos.

Situado no Centro de Emprendemento Cultural e Creativo de Galicia, o espazo de coworking do Gaiás ofrece, ademais dos servizos básicos (mesa de traballo, cadeira, estante, conexión a internet de alta capacidade, conexión telefónica, caixa de correo, taquilla, subministro eléctrico, auga e calefacción), a posibilidade de disponer dunha sala de reunións de grupos equipado con wifi e proxector e dunha dunha sala-despacho.

A estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programación de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet, e aqueles outros con vinculación no emprendurismo cultural. Poderán admitirse profesionais independentes ou emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

Se te interesa, a Cidade da Cultura de Galicia convídate o 11 e o 13 de decembro ás 17 horas a unha visita ao espazo e unha presentación do proxecto, previo aviso en coworking@cidadedacultura.org ou no teléfono 881 995128 de 9 a 14 horas.

Os interesados xa poden presentar a súa solicitude antes do 30 de decembro través do web agadic.info, acompañada dunha memoria do proxecto que se pretenda levar a cabo.

Santiago de Compostela, 22 de Novembro de 2012