Concurso de fotografía 'Galicia é auga'

Baixo o lema Galicia é auga, a Cidade da Cultura convídate a subir imaxes que recollan a arte que se agocha na auga doce que baña Galicia: da choiva aos ríos, das fontes ás augas termais. As seis mellores fotos elixidas por un xurado profesional e a que consiga máis votos de facebook de entre todas as subidas conseguirán unha fin de semana termal grazas a Balnearios de Galicia e aventuras en kaiak pola Ribeira Sacra por cortesía de Coca Cola.

Con este concurso de fotografías, a Cidade da Cultura busca achegarlle ao público a exposición ‘Auga Doce’ dunha forma lúdica ao tempo que se lle convida a descubrir a arte e a beleza que agocha un dos elementos máis definitorios de Galicia. Do mesmo xeito, e inaugurando os eventos cos que celebrar o Día do Medio Ambiente (5 de xuño), o Gaiás trata de animar aos participantes a indagar e reflexionar sobre medio que os rodea: buscando a auga na arte contribuirá a que o participante reflexione sobre a presenza deste elemento na súa contorna, as funcións que cumple e a problemática que representa.

Dúas categorías

O concurso conta con dúas categorías:

- Xuvenil: de 13 a 17 anos

- Adulta: a partir de 18 anos.

Os participantes poderá subir as súas fotos desde hoxe mesmo ata o vindeiro 13 de xullo ao facebook da Cidade da Cultura. O 25 de xullo, Día de Galicia, daranse a coñecer os nomes dos gañadores: tres por categoría, elixidos por un xurado profesional, e o premio especial do público, resultado da fotografía que máis votos consiga nas redes sociais.

Os sete gañadores conseguirán, por cortesía de Coca Cola e Balnearios de Galicia, vivir experiencias únicas: para a categoría xuvenil, unha aventura en kaiak polos Canóns do Sil xunto cunha estancia na Ribeira Sacra; e para a adulta, unha fin de semana termal nun dos balnearios galegos.

Ademais de poder verse no facebook, as imaxes que participen no concurso poderán verse e votarse a través do microsite www.galiciaeauga.com, así como nunha pantalla que se colocará no Museo Centro Gaiás, de forma que as obras presentadas pasen a formar parte tamén da exposición Auga Doce.

Santiago de Compostela, 02 de Xuño de 2014 a Santiago de Compostela, 13 de Xullo de 2014
 

Cultura

  • (1)
 
pdf 915.19 KB