Fantasías Históricas de Con-Fío en Galicia

Entre obxectos prehistóricos, traxes tradicionais, coleccións familiares e iconas da época dourada da moda galega, a exposición Con-Fío en Galicia con pezas radicalmente contemporáneas basadas en obras clásicas sobre o noso téxtil. Son as fantasías históricas realizadas por alumnos da Esdemga e a EASD Mestre Mateo, un traballo de liberdade creativa que pode contemplarse no segundo andar do Museo Centro Gaiás.

Baixo a dirección de Lola Dopico, os alumnos Noelia Padín, Liliana Castiñeiras, Xoana Medraño, Iago Otero e María Cores tomaron como punto de partida para as súas fantasías as pinturas murais que representan a donas da aristocracia na igrexa de Vilar de Donas de Ourense (ca. 1434) e o gravado de Cesare Vecelio titulado De gli Habiti Antichi e Modérni di Diversi Parti di Mondo (1590), considerado a primeira representación dunha parella de galegos. Con eles, os alumnos da Esdemga apostan por establecer un diálogo contemporáneo a través das súas creacións. “Son unha recreación completamente libre, un xogo de estilismo no que se tentou crear unha sensación para partir do xogo de volumes e texturas cruzando as referencias históricas que se nos propuxeron”, explican.

Os alumnos da EASD Mestre Mateo, baixo a dirección de Carmen Pastoriza, partiron da lámina La gallega de Noya con un gallego de Tuy bailando una danza prima, de Juan de la Cruz Cano y Olmedilla (1788) e do Sepulcro de Paio Salgado Gondín (ca.1555) para levar a cabo unha interpretación que se traduciu en tres estilismos completos a través dunha linguaxe artística contemporánea de fantasía.

Eva Albertelli, María Ada, Sarah Albagli e Javier Sanz Peñalba encargáronse da vestimenta do Galego de Tui, onde hai unha visible busca do rescate de materiais tradicionais. Pola súa banda, Alicia Tella, Alba Seijo e Lucía Valdés son as responsables da vestimenta da Galega de Noia, na que inciden no carácter artesanal dos tecidos. Finalmente, María Lobato García, Alba Martínez Gómez, Ana Belén Ojea Pena e Sergio Vilasante Pereiro realizaron a reinterpretación libre do sepulcro de pedra de Paio Gondín, presente no Museo de Lugo. Neste traballo eludiuse o xénero e transformouse en feminino, buscando un estilismo completo cunha textura de unidade visual rescatando pezas da época. 

 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 07 de Abril de 2016