'Subtextos dun patrón de mantemento', nova intervención nas Hejduk

Subtextos dun patrón de mantemento de Félix Fernández será a nova intervención artística que acollerá as Torres Hejduk entre novembro e febreiro. Así o decidiu o xurado da II Convocatoria de intervención artística para as Hejduk realizada entre os participantes no IV Encontro de Artistas Novos da Cidade da Cultura ao que se presentaron un total de 22 creadores emerxentes.

O xurado elixiu o proxecto deste artista multidisciplinar, licenciado en Belas Artes e formado paralelamente en danza contemporánea e teatro-performance, para “ocupar artisticamente” as Torres Hejduk desde o mes de novembro ata febreiro de 2015. Félix seguirá así a senda de artistas como Pamen Pereira, Ramón Conde, Alejandra Sampedro ou Ana Soler, que xa interviñeron neste espazo do Gaiás dedicado á arte e á creatividade.

Tres intervencións e unha perfomance

En Subtextos dun patrón de mantemento, Félix Fernández reflexiona sobre a perpetuación do poder apoiándose na dualidade das Torres Hejduk, onde crea un espazo que funciona como espello metafórico dunha realidade frustrante. Amósanos o indesexado, xerando en nós a conciencia do que non queremos para as nosas vidas. 

O proxecto consta de tres intervencións e unha acción performántica que terá lugar unha vez ao mes. A torre de cristal envolta en fume converterase nunha tormenta interior que contrastará coa torres opaca ocupada por monitores de seguridade –nos que se combinarán imaxes en tempo real con outras en diferido- como alegoría do poder. Como complemento a esta dualidade, a figura dun home suspendido no exterior chamará a atención sobre a inactividade ante a realidade que se nos ofrece. 

As intervencións complementaranse cunha actuación performántica en directo, na que o propio Félix Fernández interactuará coas Torres Hejduk presentadas como un lugar para a inactividade e a acción suspendida, con breves e puntuais momentos coreográficos.

Apoio a creadores emerxentes

Coa convocatoria de intervención artística nas Torres Hejduk entre os participantes no Encontro de Artistas Novos, a Cidade da Cultura quere seguir prestando o seu apoio aos artistas emerxentes e contribuíndo na difusión da súa obra, obxectivo que se recolle na celebración do propio Encontro e que contou con iniciativas previas como ContainerInside, proxecto colectivo composto por traballos dos participantes da primeira edición do Encontro e que formou parte da exposición Inside en 2012. 

Subtextos dun patrón de mantemento é a segunda intervención artística saída desta convocatoria da que no 2013 resultou gañador o proxecto colectivo En ningún lugar, cinco intervencións de Juan Cañamero, Iago Eireos, Miguel Ángel Moreno Carretero, Ana Esteve Reig, Alejandro Ramírez e Pablo Martínez Muñiz comisariados por Carlos Delgado Mayordomo; que buscaban xerar unha memoria e unha narración alternativas para desvelar a complexidade arquitectónica e conceptual das Torre Hejduk. 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 20 de Outubro de 2014