Pasando o tempo no Gaiás

Tic-tac, tic-tac, tic-tac... Os reloxos e a súa melodía rítmica serán protagonistas durante o mes de outubro na Biblioteca de Galicia a través da exposición Libros sobre reloxos. Colección José Luis Basanta. Con esta excusa, a Cidade da Cultura convídavos a todos a "pasar o tempo" connosco a través de tres divertidos obradoiros da man de OQO Editora e dos seus libros ilustrados, que os participantes recibirán de regalo.   

Quen non soñou algunha vez con ser Xulio Verne e construír artefactos fantásticos, delirantes ou estrambóticos. Trebellos imaxinarios que nos permitan dar chimpos de xigante ou gardar lembranzas. Pois isto será posible o 4 de outubro a través do obradoiro O paso do tempo: Maquinando, no que nenos de 8 a 12 anos poderán crear máquinas de todo tipo que teñan o tempo como fío conductor.

A percepción do paso do tempo será abordada dunha forma divertida e lúdica en  O paso do tempo: partituras en acción, pensado para nenos de 5 a 8 anos. Baixo un enorme reloxo que presidirá a sala, os participantes realizarán o sábado 11 de outubro accións que transformen o espazo a medida que pasa o tempo: desde camiños a través dos sons que producen os reloxos a rutas feitas coas nosas pegadas.

E como colofón, nenos de 6 a 10 anos poderán idear os seus propios reloxos: de cuco, de peto, de péndulo, de pulseira, de cociña... e faranno adaptándose aos diferentes materais característicos de cada un. Será o domingo 19 de outubro no obradoiro O paso do tempo: TIC-TAC.

Todos os obradoiros terán unha duración de dúas horas e arrancarán ás 17 horas na Biblioteca de Galicia. Como todas as actividades da Biblioteca de Galicia son de balde aínda que é preciso reservar previamente na web de forma individual para cada obradoiro.

En familia
Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2014