Descobre un novo Gaiás a través de ‘Inside’

Un xardín aéreo que se alimenta das correntes subterráneas, unha bola de libros que che atrae cara ao seu vórtice coma un buraco negro, unha aldea rural en forma de rañaceos… Quen suba dende hoxe e ata o vindeiro 16 de abril ao Gaiás atoparase cunha Cidade da Cultura transformada a través da ollada de seis artistas contemporáneos e a obra colectiva de cen creadores mozos no marco da exposición ‘Inside’.

“A Cidade da Cultura é un espazo que invita a enchelo de vida e isto é o que buscan as sete obras que compoñen Inside: establecer un diálogo cun espazo arquitectónico cheo de posibilidades”. Así definiu o comisario da exposición, Rafael Doctor, esta iniciativa na que cada un dos autores foron retados a repensar diferentes espazos do Gaiás.

Un diálogo que se establece nada máis poñer o pé no corredor de acceso á Cidade da Cultura, onde unha inmensa bola de libros atrae a atención do visitante. Trátase de ‘Singularidade’, a obra situada na entrada do Arquivo de Galicia coa que Alicia Martín convida a reflexionar sobre o exceso de información que se vive na sociedade actual. Un auténtico remuíño formado por un total de 7.000 libros que te hipnotiza e te atrae ata o seu vórtice como unha sorte de buraco negro. Aínda impregnados pola forza da obra de Martín, unha luz dende o corredor interior do Arquivo reclama a atención do espectador. Trátase de ‘Operacións’, a obra co que o brasileiro Marlon de Azambuja envolve de vida o edificio e o fai máis xeométrico a través dunhas cuadrículas chamativas dispostas a modo de alfombra e que nos dan á benvida ao novo espazo.

Entre os libros da Biblioteca de Galicia e baixo unha pedra xigante e ruda que contrasta co equilibrio da arquitectura de Peter Eisenman, o artista ourensá Jorge Perianes ofrécelle ao público unha das obras máis impactantes da exposición que, de seguro, non deixará indiferente a ningúen. Ao seu carón, Damián Ucieda coloca dúas das tres fotografías que integran ‘Accident, Fight #1, Farewell”, nas que recrea na Cidade da Cultura tres esceas relixiosas presentes nos edificios máis emblemáticos do casco vello de Santiago: o Retablo do Altar Maior da Igrexa da Universidade, o retablo número 1 da Capela das Ánimas e a Portada do Hostal dos Reis Católicos. Imaxes inquietantes que crean unha mistura de atracción e desasosego no espectador, que queda fortemente impactado. E sen abandonar a Biblioteca, elena Fernández Prada converte as súas columnas nunha aldea galega a través das acumulacións verticais de vivendas rurais feitas en acuarela e ue acaban conformando improvisados rañaceos fráxiles e endebles.

Xa no exterior, a Cidade da Cultura acolle ‘Container Inside’, unha estrutura modular convertida en sala de exposición, biblioteca e centro de documentación das obras creadas polos cen creadores que participaron no I Encontro de Artistas Novos, celebrado no Gaiás no mes de setembro. Un conxunto interesante de libros e vídeos cos que os artistas pretenden reflexar o proceso de autoxestión do autor e que xa forman parte da colección da Biblioteca da Cidade da Cultura.

As últimas protagonistas de Inside son as Torres Hejduk que da man de Pamen Pereira recuperan a función para as que foran concibidas orixinalmente: as de torres botánicas. En ‘O invernadoiro da temperanza’, Pereira converte unha das torres nun xardín aéreo a través das ‘prantas do aire’ que a artista conseguiu recopilar grazas á xenerosidade dos habitantes de varias aldeas dos arredores de Ferrol. Unhas prantas tradicionais en Galicia e usadas popularmente para espentar o meigallo que se alimentan paradoxicamente das correntes de aire subterránea que entran no espazo a través da torre xemelga, na que Pamen decidiu colocar unhas campás aéreas que dotan de banda sonora a unha intervención espectacular.
Sete obras que invitan a visitar a Cidade da Cultura dunha outra forma e que pode facerse dende o 16 de decembro e ata o vindeiro 16 de abril.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 16 de Decembro de 2011