Volve Atardecer no Gaiás

Se este xoves non te achegas á praza do Toural, non vas saber o que perdes. Non o dicimos nós. Cántao Sensacional, a banda coruñesa que este 3 de xullo, a partir das 21:00 horas, inaugurará o Atardecer no Gaiás 2014, o festival co que gozar da música ao poñerse o sol.

O quinteto liderado por Ricardo Saavedra poralle as primeiras notas a este novo Atardecer, que contará cun total de 24 actuacións en pequeno formato para as tardiñas dos xoves, venres e sábados de xullo e agosto. A festa de presentación repetímola na céntrica praza do Toural, ata onde tamén se desprazará A Cantina do Gaiás e a súa imprescindible barra. Suso e Moncho serán os encargados de darlle sabor á festa, ofrecendo entre os asistentes un divertido e orixinal cóctel de laranxa.

Tras este inicio, Atardecer no Gaiás volverá ao seu escenario natural: a Cidade da Cultura, coa Orquestra de Cámara Galega o venres na Sala Eisenman e Grampoder na praza central (se o tempo non o permite, o concerto trasladarase a interior) o sábado.

Ademais, grazas a Tussa, recordámosvos que este ano podedes gozar do Atardecer ata o final e sen présas, xa que o último urbano que sae da Cidade da Cultura será o C11 ás 22:45 os xoves e venres, e ás 22:50 os sábados e festivos. Tempo de sobra para gozar das 24 actuacións coas que queremos animar un novo verán en Compostela.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 02 de Xullo de 2014