O futuro Edificio Fontán virá culminar o complexo da Cidade da Cultura de Galicia, aproveitanto a estrutura que inicialmente ía estar destinada ao Teatro da Ópera. Ideado polo arquitecto Andrés Perea, responsable xunto á empresa EuroEstudios de redacción do proxecto e da dirección das obras da Cidade da Cultura, o Fontán caracterízase tanto na súa fachada como no seu deseño global pola súa integración cos edificios xa existentes no Gaiás, deseñados por Peter Eisenman, un encaixe tanto en complicidade e entendemento con skyline do Gaiás, mais sen chegar a mimetizarse, nunha aposta por unha autonomía formal.
- Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG): entidade de nova creación que impulsa a colaboración entre as tres universidades galegas en materia organizativa, económica, técnica e administrativa
- Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG): entidade xa existente coa misión de garantir a calidade do Sistema Universitario de Galicia.
- Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais (CEIPAC): crearase un novo centro de investigación, o primeiro do SUG vinculado ás Ciencias Sociais e ás Humanidades.
O Incipit e o CEIPAC converterán o Gaiás nunha referencia en todo o Estado no eido dos estudos do patrimonio.
O proxecto arquitectónico para o novo Edificio Fontán defínese como austero, sinxelo e sen alardes económicos nos seus materiais, tal e como demostra o acristalado do chan ao teito e a decisión de optar por unha cuberta metálica, en vez dunha revestida de pedra ou baldosas de formigón, de maior custo económico e tamén de tempos.
Precisamente, serán o cristal e o metal os materiais que describan o seu aspecto formal. Dividido en catro andares —que suman unha superficie total construída de 12.800 metros cadrados— chaman a atención certos servizos ou estruturas, fóra das prestacións propias dun edificio dedicado á investigación, como poden ser os laboratorios.
Estes elementos singulares son: o Auditorio, con capacidade para 750 persoas divisible en tres salóns de actos independentes; o Xardín cuberto con fachadas abertas, pensado tamén como espazo museístico vencellado coa actividade que alberga; os patios interiores; e unha nova rúa principal que atravesará o Edificio Fontán comunicando as dúas estradas peonís da Cidade da Cultura (a do CINC e a Biblioteca de Galicia), sen ter a necesidade de rodealo.
O novo edificio caracterizarase pola súa sustentabilidade, funcionalidade e tamén flexibilidade para facilitar posibles modificacións futuras nos seus servizos e usos.