César Portela

Premio Nacional de Arquitectura, Nacional de Urbanismo ou Internacional de Arquitectura en pedra, César Portela desenvolve dende o seu estudio en Pontevedra unha actividade que achega a súa obra, entre outros países, ata Xapón ou Venezuela.

Nunha exposición programada polo MARCO de Vigo, o arquitecto galego máis recoñecido definíu a súa obra como "cada vez máis núa, cada vez máis sinxela, cada vez máis transcendente, cada vez máis persoal e á par menos personalista".

Seguidor crítico do racionalismo e dos postulados do Movemento Moderno, Portela é autor de proxectos como o celebrado Plan Especial do Centro Histórico de Allariz, a Estación de autobuses de Córdoba, o Domus da Coruña ou o Parque Natural Bahía de Cádiz.

César Portela [www] 

 

Proposta para a Cidade da Cultura

 

O proxecto da Ágora da Cultura de Galicia estrutúrase a partir dunha secuencia na que dous espazos nucleares situados aos extremos quedan vinculados mediante un percorrido lineal. E, como en calquera ágora, o templo, a stoa, o teatro ou o buleiterion, van tecendo un espazo fortemente ritualizado e, ao mesmo tempo, cheo de episodios que dan cumprida resposta ás múltiples situacións que a complexidade de toda a cidade esixe, á vez que abre ventás e balcóns en puntos críticos que reforzan a individualidade do lugar, a súa condición irrepetible e, en consecuencia, o seu valor sagrado.

No cumio do outeiro sitúase a praza das Estrelas. Un recinto de planta cadrada tallado na propia pedra serpentina do lugar. Un adro no cumio, sen ermida pero con memoria. Un balcón no cumio do Monte Gaias, dende onde se exerce un dominio visual e topográfico só superado polas torres da Catedral.

A Cidade da Cultura de Galicia construiríase cos máis xenuínos materiais do país, tratando de sacarlle o máximo partido e buscando novas perspectivas de tratamento a cada un deles. Á vez, deberán ser expresión e escaparate ante o mundo. O mobiliario e a decoración haberían de encargarse aos máis vangardistas deseñadores industriais galegos.

A actuación no campo da flora e a vexetación pretende unir a esencia do proxecto, a súa localización en Santiago de Compostela e a contorna xeográfica e natural próxima. Trátase de fundir a función cultural do proxecto, un proxecto de futuro, coa cultura tradicional do medio onde se asenta. Así, o futuro inxire as súas raíces no pasado e non se desliga del, senón que o complementa, o explica e crea unha orde superior máis complexa e máis rica.