Os teus soños fanse realidade en Nadal no Gaiás

Este Nadal, a Cidade da Cultura convértese nun lugar onde todo é posible. Viaxar ao Círculo Polar en busca de aventuras, converter o 2014 nun videoclip, xerar melodías máxicas facendo xirar unha manivela, crear a túa propia película, recibir cancións por regalos… Do 6 de decembro de 2014 ao 4 de xaneiro de 2015, o Gaiás será o escenario onde os teus soños se fan realidade.

Música, teatro, xogos, obradoiros, concursos… Diversión, lecer e aprendizaxe mistúranse nun completo programa pensado para participar en familia. Grandes e pequenos poderán traballar man a man en cinco obradoiros nos que combinar tradición e novas tecnoloxías, con grandes doses de imaxinación e diversión asegurada: A árbore das ilusións, Dalle á manivela polo Nadal, Baile de Xogos, Cine de plastilina e O meu videoclip.

O cine galego tamén estará moi presente nestas datas grazas ás visitas Gaiás, cámara, acción! á exposición Cinegalicia25, que pais e nenos poderán coñecer dunha forma máis áxil e divertida nunhas visitas teatralizadas cheas de xogos e sorpresas. 

O Nadal no Gaiás tamén servirá para viaxar ao son dos Pinker Tones ao Círculo Polar cos divertidos personaxes Rolf e Flor e para descubrir as sorpresas que teñen preparadas para nós os protagonistas de Al tun tun

O programa contará, un ano máis, con Cancións por regalos, un concerto especial na que todos saímos gañando: o espectador, unhas boas cancións para o recordo; e aqueles que máis o precisan, unha sorpresa o Día de Reis: o regalo que elixamos como entrada. A música estará a cargo este ano dun músico excepcional: Nacho Mastretta que, acompañado da súa banda, converterá o Museo Centro Gaiás nun salón de baile.

E para redondear este Nadal, a Cidade da Cultura anima aos máis pequenos da casa a ser parte activa desta celebración a través dun concurso de postais no que imaxinar o seu propio Nadal do Gaiás e facer dela a felicitación máis ocorrente destas festas.

 

Santiago de Compostela, 25 de Novembro de 2014