Entre a piratería e a fe | Galicia, un relato no mundo

Durante a Idade Moderna entre os séculos XVI e XVIII piratería, política e relixión cruzáronse de maneira inseparable e ao mar galego chegaron corsarios procedentes de África e do norte de Europa. Tamén os portos galegos acolleron piratas que operaron na proximidade das costas galegas contra os barcos doutras nacións. Esta "época pirata" é outra das aventuras que podemos revivir na mostra Galicia, un relato no mundo, ao achegármonos ás pezas que foron testemuñas dos encontros con estes temibles barcos.

Por exemplo o fondo areoso de portos como Baiona aínda atesoura inxentes cantidades de louza do norte de Europa, resultado de afundimentos e saqueos. A relixión estaba presente nestas pezas de cerámica conservadas no Museo do Mar de Galicia e coñecidas como "bellarminos", xa que imitaban parodicamente ao cardeal Roberto Bellarmino, inquisidor no tempo da Contrarreforma. 

En Galicia conservamos tamén os exvotos ofrecidos polas tripulacións a algún santo ou virxe, en agradecemento pola intercesión divina no salvamento dun barco no seu encontro cos piratas. Estes lenzos, que se penduraban da parede ou o teito de igrexas e santuarios, cóntannos historias como a do barco 'La María', que ante un ataque pirata fronte ao cabo de Santa María encomendouse á Virxe, ofrecendo o pau de proa e o aparello. 

A tripulación do barco botouse ao mar nun bote e milagreiramente conseguiu escapar dos corsarios africanos, chegar a terra e regresar finalmente a Galicia tras unha penosa travesía desde Portugal na que volveron ofrecerse á Virxe, salvándose unha segunda vez de perecer nun forte temporal marítimo.

O barco 'La María' relata o lenzo ofrecido na igrexa da Virxe do Camiño en Muros e que agora se pode ver temporalmente no Gaiás aparecería abandonado e sen apenas danos ante as costas de Cádiz, cambiándoselle o nome por 'El Bienvenido' e "sendo patente o prodixio do seu salvamento, debida á intercesión da santísima Virxe, san Ramón e as ánimas, que imploraron os muradáns fervorosamente".

A exposición, que se pode visitar ata o 12 de abril no Museo Centro Gaiás, acolle tamén os exvotos ofrecidos nos séculos XVII e XVIII polos mariñeiros Juan do Río e Francisco Méndez á virxe da Pastoriza, en Arteixo, a quen atribuían a súa milagrosa salvación durante dous ataques piratas fronte ás costas galegas.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 21 de Xaneiro de 2020