A esclavina esquilmada

Foi durante trescentos anos a capa que cubriu ao Apóstolo, recibiu o abrazo de miles de millóns de peregrinos e no 2004 convertiuse nunha das xoias da coroa do Tesouro da Catedral de Santiago. Falamos da Esclavina do Santo Apóstolo que durante séculos foi abrazada e esquilmada ata quedar apenas con algunhas das moitas pedras fermosas que posuía, tal e como pode verse na exposición Camiño. A orixe, en exposición ata o 13 de setembro de 2015 no Museo Centro Gaiás.

A esclavina foi un encargo do arcebispo frei Antonio de Monroy ao prateiro Juan de Figueroa, que formaba parte do grande ornato barroco que, co mecenado do referido prelado, levou a cabo no altar maior da catedral desde 1694. A peza, xunto cun bordón e cunha cabaza de prata, encargados ao mesmo tempo, serviría para vestir a imaxe pétrea de Santiago Apóstolo que preside o altar desde a súa consagración en 1211.

Esta peza -realizada en prata, prata sobredourada e pedrerías- está decorada con símbolos xacobeos e emblemas militares. Datada cara a 1704, recibiu ao longo de 300 anos o abrazo de millóns de peregrinos e algún que outro roubo dos seus adornos, o que lle ocasionou un desgaste evidente. As pedras foron substituíndose por outras de menor valor ata que con motivo do Ano Santo compostelán de 2004 foi substituída por unha réplica e incorporada aos fondos do Museo da Catedral de Santiago, onde se expón permanentemente como testemuño de tantos peregrinos anónimos. Actualmente podedes vela no andar 2 do Museo Centro Gaiás, ao final da última parte da mostra dedicada ao Peregrino.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 07 de Xullo de 2015
 

Cultura

  • (1)