Búscase mozo creativo con ganas de expoñer. Razón: Cidade da Cultura

Es novo, queres dar a coñecer o teu proxecto artístico e entrar en contacto con comisarios, críticos e artistas xa consolidados? O III Encontro de Artistas Novos é a túa oportunidade. A Cidade da Cultura converterase do 9 ao 13 de setembro nun espazo de encontro no que creadores novos terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de con¬vivencia e intercambio de coñecemento e ideas con outros axentes culturais.

Coordinado por Rafael Doctor, o Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura busca favorecer a convivencia entre artistas emer¬xentes galegos e procedentes doutros lugares, ademais de poñer en contacto aos participantes con outros axentes do sector como críticos, comisa¬rios ou art followers. Unha edición máis, o Encontro achegará ata o Gaiás a artistas e creadores xa consolidados para compartir as súas experiencias e reflexións ao redor da arte: Nuria Güell, Rogelio López Cuenca, Carmen Nogueira ou Fernando Sánchez Castillo.

O Encontro de Artistas Novos celebra un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de reali¬zar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Como novidade desta edición, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibili¬dade de que algún dos participantes sexan elixidos para realizar unha intervención artística nas Torres Hedjuk do complexo, seguindo a estela de artistas xa consolidados como Pamen Pereira ou Ramón Conde, que xa fixeron desta infraestrutura un lugar dedicado á arte e á creatividade.

A Cidade da Cultura de Galicia convoca un total de setenta prazas, que inclúe matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 9 de setembro ata o venres 13 e transportes diarios ao Gaiás. Dirixido a mozos nados entre 1978 e 1995 (ambos inclusive), poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Só tes que realizar a inscrición antes do 5 de xullo ás 15:00 horas. Consulta o programa e as bases en www.cidadedacultura.org e non deixes pasar esta oportunidade única.

Santiago de Compostela, 22 de Abril de 2013
Búscase mozo creativo con ganas de expoñer