A caricatura será a protagonista deste mes de xuño na Biblioteca de Galicia.
O sábado 13 de xuño, os máis pequenos -de 5 a 10 anos- aprenderán a poñerlle cara a cada letra do abecedario co obradoiro Cariletras. Unha fermosa e divertida ferramenta de ver as letras e signos de puntuación, potenciando a creatividade e o concepto de que todo é posible, só hai que pórlle imaxinación.
E o 20 de xuño será a quenda dos maiores (máis de 16 anos). Da man de dous artistas plásticos galegos como Alexis Parada Gutiérrez e Eusebio Rivero Veiga, todo aquel que o desexe poderá aprender a facer unha caricatura. Primeiro, estudaranse os pasos a seguir (parecido, esaxeración e intención) para logo descubrir as cinco formas de confeccionar o debuxo e as súas variantes, a proporción e observación no retrato clásico e o peso visual, a lei da masa constante e os puntos de referencia.
Como sempre, as entradas para estes obradoiros son de balde previa inscrición.

