Festivais modernos: abertos, locais e co público como protagonista

Globais pero pensado sempre no local, espontáneos, abertos e cunha premisa básica: outorgarlle ao público o papel central. Estas son as características dos "festivais modernos", eventos que se saen das institucións culturais para ocupar as rúas e nos que os participantes deixan de ser espectadores para converterse en actores principais.

Así o trasladou o recoñecido produtor de Broadway David Binder, encargado de abrir esta tarde a terceira edición do Foro Internacional de Espazos para a Cultura (FIEC) que se celebra baixo o título A Revolución dos festivais artísticos. Unha viaxe a Australia na que puido ver en primeira persoa aos veciños dun pequeno barrio bailar e actuar nos seus xardíns e gozando con iso foi o punto de partida dunha exposición áxil coa que soubo captar a atención de todos os espectadores.

Binder trouxo ao Gaiás "experiencias incribles" de diferentes partes do planeta, no que os cidadáns saen a rúa a interactuar coas compañías de danza ou de teatro, na que lugares agochados ou pouco coñecidos das cidades se converten en reclamo durante un par de xornadas ou como andar e bicicleta e ir a un festival son complementarios.

Tras retroceder ata despois da II Guerra Mundial -momento no que xorden festivais decanos como o de Edimburgo ou o de Aviñón-, Binder  apostou por unha nova forma de concebir os festivais, convertíndoos nun evento no que o público deixa de ser espectador para ser actor e que pode suceder en calquera lugar. "O espectáculo pode darse en calquera sitio. Sacar os festivais dos edificios, das institucións, dos lugares establecidos fai que o público sexa máis receptivo e que asista coa mente máis aberta", asegurou Binder, quen reivindicou a "ocupación artística das cidades".

Tras unha viaxe por diferentes mostras do que son eses festivais modernos, David Binder desvelou cal qué o seu festival favorito: o Oerol, que se celebrada cada ano na pequena illa holandesa de Terschelling, ao norte do país. Uns 50.000 visitantes acoden cada ano durante dez días a esta illa na que novos artistas e creadores consolidados van da man de rutas en bicicleta por paraxes verdes, boa gastronomía e uns espectáculos únicos. Un popular festival local, con máis de 30 edicións ás costas, que Binder trasladou a Nova York a través do New Island Festival, dez días de teatro, danza, música e arte holandesa nun lugar tan descoñecido como finalmente atraínte para o público: a Governors Island de Nova York.

Patrocinadores e audiencias, claves

As propostas máis irreais e atrevidas atoparon o seu oco na terra a través de María Sheila Cremaschi, responsable do Hay Festival de Segovia e Budapest, "o festival que exalta a palabra ao tempo que modifica a propia cidade". Tras ser definida pola xornalista María Solar -que actuou como moderadora- como unha auténtica "facedora de soños", Cremaschi recoñeceu que só hai unha clave para xustificar o éxito: saber reinventarse.

Patrocinadores e audiencias son, para Cremaschi, os dous focos onde poñer a atención á hora de organizar un festival. Os primeiros, claves para poder materializar un evento, especialmente en momentos de crise como o actual. Os segundos, indispensables para levalos a cabo. 

A responsable do Hay Festival proclamouse totalmente contraria á cultura de balde e destacou a necesidade de establecer un ritual que sexa sagrado: "Só o feito de mercar unha entrada xera no público unha expectativa que redunda positivamente no festival", asegurou.

O FIEC continúa mañá, sábado 15 de novembro, coas intervencións dos responsables dos festivais de Aviñón, Mérida, La Mar de Músicas de Cartagena e Edimburgo. Aínda que este ano, o FIEC non pode seguirse vía streaming, as conferencias son colgadas na canle de youtube e nesta propia páxina web ao acabar cada conferencia.

Santiago de Compostela, 15 de Novembro de 2013
 

Cultura

  • (1)