Setembro de homenaxe a Rosalía

A Biblioteca e Arquivo de Galicia pon en marcha a súa nova programación para setembro que estará marcada por unha figura: a de Rosalía de Castro.

Antes de mergullarnos na vida e obra da poeta de Padrón, a Biblioteca recupera para o 8 de setembro o concurso Textos e Pretextos, no que os participantes de 8 a 12 anos demostrarán a súa capacidade de comprensión lectora. Divididos en dous equipos, os concursantes deberán demostrar quen é o mellor á hora de comprender que se agocha nas páxinas dun libro. O concurso arrancará ás 17 horas e é de balde mais é preciso inscribirse previamente.

Tras este primeiro achegamento á literatura, o 14 e 15 de setembro achegarémonos á figura de Rosalía de Castro a través dunha divertida xincana na que superar toda unha serie de retos. Rosalía na voz da xente estará guiado por personaxes caracterizados da época na que viviu a poeta, que nos irán desvelando capítulos da súa vida e da súa obra que nos leven a resolver un grande enigma final. Recordámosvos que a actividade é de balde previa inscrición e que, aínda que é para todos os públicos, os menores de seis anos deberán vir acompañados dun adulto.

A programación da Biblioteca de Galicia para este mes de setembro complétase co concerto Rosalía entre outras, a cargo da formación musical Xardín Desordenado. Este concerto especial terá lugar o sábado 19 de setembro no auditorio da Biblioteca a partir das 19 horas, con entrada libre. Nel, os músicos de Xardín Desordenado interpretarán algúns temas basados na obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro xunto a outros basados en textos de seis poetas galegas de distintas xeracións: Olga Novo, María do Cebreiro, Pilar Pallarés, Luisa Castro, Marta Dacosta e Cristal Méndez Queizán.

En familia
Santiago de Compostela, 24 de Agosto de 2015
Obradoiros e concertos en homenaxe a Rosalía