“Sempre imaxinei que o Paraíso sería algún tipo de biblioteca”
Jorge Luis Borges
Este Nadal, a escritura será a protagonista na Biblioteca de Galicia. Será a través dos obradoiros Da tábula á tablet: O libro e as bibliotecas a través do tempo, un percorrido polo mundo da transmisión do coñecemento, desde as súas orixes (papiro, tábula, cerata…), pasando polo audiovisual e rematando con contidos axeitados para una educación atractiva nas novas tecnoloxías: os interactivos.
Da tábula á tablet arrancará o sábado 20 de decembro cunha atractiva viaxe pola historia da escritura: desde os xeroglíficos exipcios á Biblioteca de Alexandría, a tábula romana, a chegada da imprenta e o e-book actual. Ademais de poder contemplar exemplares, recreacións e imaxes sobre a historia da escritura, os participantes no obradoiro A escritura na historia poderán traballar con tábulas e stylos, experimentando a sensación de crear a escritura esculpindo en cera.
Ao día seguinte, domingo 21 de decembro, descubriremos a imprenta. Os participantes en Do maxín á imprenta poderán seguir todo o proceso de creación dun libro: dende que se recibe o texto ata a elaboración do storyboard, as probas de maquetción, os pregos de imprenta e o producto final.
O último destes tres obradoiros abordará a escritura en imaxes a través do cine. En Contos en movemento, os participantes visionarán unhas curtas baseadas en relatos e analizarase cada peza para lograr entender como os directores realizan as súas películas a través das distintas partes do film: o guión, a composición dos fotogramas, os tipos de planos, as secuencias…
Os tres obradoiros Da tábula á tablet están pensado para nenos de 8 a 12 anos, terán dúas horas de duración e arrancarán todos ás 17 horas na Biblioteca de Galicia. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente en cada un dos obradoiros (cada actividade é independiente, de forma que o neno que queira participar nunha só terá que inscribirse na que desexe. No caso de querer participar nas tres, terá que inscribirse nas tres).

