Carlos I, un guerreiro de talle fino

Foi o monarca máis poderoso de Europa. Gobernou o Sacro Imperio Romano Xermánico entre 1520 e 1558. E España desde 1516 ata 1556. Convertiuse así, no primeiro rei que uniu as coroas españolas de Castela, Aragón e Navarra co Imperio Romano Xermánico. Fixo do catolicismo a súa bandeira e buscou ao longo da súa vida instalar un imperio cristián universal a través de mil batallas. Unha guerra que legaría ao seu fillo, Felipe II, que herdou o imperio “onde nunca se poñía o sol”.

Unha grandeza que, non obstante, non era acorde coa súa figura… física. Carlos I de España ou Carlos V de Alemaña era o que se di en linguaxe coloquial “pouquiña cousa”. E así pode verse na exposición Camiño. A orixe, a través do sobrepeto da súa armadura, que se atopa no segundo andar do Museo Centro Gaiás, na parte da mostra dedicada ao Camiño. O sobrepeto, de aceiro gravado e dourado, procedente de Augsburgo cara a 1540 equivale a unha talla 38, deixando ver o talle fino do emperador.

O sobrepeto é unha das pezas de reforzo pertencentes á chamada gornición de Alxeria, en alusión á campaña militar comandada polo emperador en 1541 contra a piratería berberisca no Mediterráneo. Por estar destinada  a unha batalla contra o Islam que se prevía vitoriosa, o sobrepeto está decorado coa imaxe de Santiago Matamouros, o único que o ostenta entre todas as súas armaduras. A representación do santo combina a súa imaxe de guerreiro e peregrino e a súa aparición como motivo central do sobrepeto débese ao desexo expreso do emperador.

Xunto a esta peza da armadura, o visitante que se achegue a Camiño. A orixe tamén poderá contemplar unha sela de cabalgar, que tamén ten gravada a imaxe de Santiago. Desta volta, representado como unha imaxe cristiá victoriosa na que paradoxalmente se recorre a elementos de orixe claramente musulmá.

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 23 de Xuño de 2015