Berenguela, unha raíña de película

A raíña dona Berenguela (1116 - 1149) e o rei Alfonso IX (1171 - 1230) abandonarán por uns meses o seu descanso eterno na Capela das Reliquias da Catedral de Santiago para ser parte protagonista de Con-Fío en Galicia, exposición sobre o téxtil e a moda en Galicia que poderá visitarse no Museo Centro Gaiás do 11 de marzo ao 11 de setembro.

A responsable deste milagre é a viguesa Arantza Vilas, que vén de facer unha reconstrución histórica das vestimentais reais. A través Pinaki Studios, empresa londinense da que é responsable, Arantza leva 15 anos dedicada a confeccionar traxes de película. Así o acredita a súa firma no vestiario da terceira e cuarta temporada da famosa serie Xogo de Tronos ou de películas como A pantasma da ópera de Joel Schumacher. No primeiro andar do Museo Centro Gaiás, o visitante poderá admirar o esplendor das roupas do século XII e que Arantza tivo que reconstruír a través da escasa documentación que atopou sobre Berenguela e Alfonso IX, así como a raíz da visita realizada á propia Catedral de Santiago, onde se atopan os sartegos nos que están enterrados.

Berenguela e Alfonso IX

Arantza vestiu para a ocasión á raíña Berenguela cun pellote cun estampado circular, camisón branco interior e unha gran capa de seda. Pola súa banda, Alfonso IX loce un calzón axustado, camisón branco e unha capa de 9 metros -forrada neste caso de pel sintética- e para a que utilizou cores menos sobrias e artificiosas que para a monarca: azul e laranxa. As vestimentas complemétanse cuns zapatos e unhas coroas que tamén se confeccionaron seguindo as directrices da época. 

Exposicións & Intervencións
Santiago de Compostela, 08 de Marzo de 2016