GC'14: volve a música ao Gaiás

Gustaríate achegarte ao jazz da man dun dos grandes a nivel internacional? E coñecer os segredos do clarinete? Descubrir a maxia da harpa? Que tal unha clase maxistral de percusión? Ou de piano. E descubrir a multiculturalidade que agocha unha voz?

Todo iso e máis sucederá no Gaiás do 4 ao 6 de abril nunha nova edición de Galician Connection, laboratorio musical e creativo que permitirá coñecer en persoa a seis grandes artistas e compartir con eles tres xornadas cheas de intercambios, obradoiros, debates e, por riba de todo, música en estado puro. 

O Galician Connection 2014 contará con seis mestres musicais de nivel como o catalán Carles Benavent, un dos grandes na interpretación do baixo eléctrico e un nome propio no mundo do jazz; o compositor, improvisador e intérprete de clarinete Kinan Azmeh desde Siria; o harpista colombiano Edmar Castañeda, integrador da harpa nos estilos jazz e latin; Abe Rábade, un dos pianistas galegos con máis proxección no panorama musical internacional; a voz multicultural da galego-palestina Najla Shami; e o percusionista coruñés e un dos educadores máis emblemáticos de Galicia: Carlos Castro.

Programa formativo

Ao igual que en anteriores edicións, Galician Connection’14 ofrece do 4 ao 6 de abril un innovador programa con foros de debate, asistencia a ensaios, clases prácticas e encontros "cara a cara" nos que os asistentes poderán compartir experiencias directas cos seis artistas convidados no Centro de Innovación Cultural. O prezo da matrícula é de 65 euros e para inscribirse só hai que mandar un correo electrónico pedindo a praza xunto cos datos persoais (nome e apelidos, dirección e mail/teléfono) a galicianconnection@cidadedacultura.org.

Xornada Educa

Xunto ao programa formativo, esta terceira edición do Galician Connection reflexionará sobre a presenza das artes na educación a través de iniciativas nacionais e internacionais que reivindican un papel máis significativo nos sistemas de ensino. A Xornada Educa terá lugar o venres 4 de abril a partir das 17:30 horas no CINC e contará coa presenza de Damian Woetzel, ex bailarín principal do New York City Ballet e actual asesor da Casa Branca en temas culturais; Xaime Fandiño, profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC; o programa Educabarrié co que a Fundación Barrié busca poñer en valor o talento compartido; e Antía G. Ben, quen presentará iniciativas pedagóxico-musicais novidosas. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente

Concerto

As experiencias de Galician Connection abriranse cara o público cun gran concerto final, que terá lugar no Museo Centro Gaiás o domingo 6 de abril a partir das 19 horas. O concerto estará a cargo dos músicos convidados, que interpretarán os resultados dos tres días de experimentación e colaboración.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 10 de Febreiro de 2014