A creatividade, clave para o desenvolvemento cultural e empresarial

As empresas culturais resisten a crise mellor que a media. Con esta mensaxe positiva arrincou este xoves na Cidade da Cultura o Encontro Internacional de Economía e Cultura, que durante dúas xornadas buscará fórmulas imaxinativas e novidosas de cooperación entre as empresas e o tecido cultural. Creatividade, financiamento e a posta en valor da comunidade como xeradora de coñecemento foron algunhas das claves aportadas nunha primeira e intensa xornada na que sete emprendedores deron a coñecer as súas iniciativas e tres mesas redondas analizaron un futuro que pasa pola necesaria unión entre o tecido cultural e empresarial.

A cultura trascende o concepto de lecer para converterse nunha fonte de riqueza e xeradora de emprego. Baixo esta concepción apuntada na apertura polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o Encontro arrincou coa introdución ao mundo da economía creativa a través dos datos macroeconómicos aportados polo Consello da Cultura Galega e Agadic. "As empresas culturais son produtivas e eficientes, ofrecen servizos e produtos atractivos, teñen potencial de crecemento, semellan comportarse relativamente dende o inicio da crise económica e teñen un comportamento mellor que as empresas incluídas noutros indicadores", asegurou o responsable do Observatorio da Cultura, Hakan Casares. Con estes datos na man, foi momento de abordar o futuro a través dunha dinámica conversa entre dous destacados xestores culturais: Félix Lozano e Rubén Martínez, que incidiron no papel do emprendedor -capaz de inxectar creatividade para cambiar o ciclo económico- e, sobre todo, da sociedade como auténtico departamento de I+D que xera saber e coñecemento.

Cifras e teorías á marxe, a unión de dous conceptos preséntase clave para o futuro do sector: Creatividade + Financiamento. E en torno a estas dúas necesidades xiraron as dúas primeiras mesas redondas do Encontro, que ofreceron diferentes fórmulas a través de casos prácticos e experiencias de éxito. O mecenado, o patrocinio, a responsabilidade social corporativa e o crowdfunding ou financiamento en masa foron analizadas na Cidade da Cultura dende unha óptica novidosa. Así o fixo, por exemplo, María Salvatierra da Royal Academy of Arts, institución británica que se nutre de cartos privados ao cento por cento e que, máis alá dos beneficios económicos, ofrécelle aos seus investidores un "pagamento en especies": a cesión de espazos, entradas para eventos ou a organización de actos exclusivos son algunhas das contrapartidas que a institución ofrece a cambio de publicidade ou materiais. A responsabilidade Social Corporativa foi abordada por unha destacada empresa galega, Gadisa, quen puxo como exemplo a súa colaboración coa Seminci de Valladolid ou o CGAC con motivo do día das Letras Galegas. O mecenado, de actualidade pola nova lei que está a preparar o Goberno central, foi abordado por Jaime Llopis, socio da firma de abogados Cuatrecasas, quen tomou como referencia un modelo en funcionamento plenamente consolidado: o de Brasil. Un modelo que, ademais de favorecer que todo particular poida financiar un proxecto, facilita a busca de "apoiadores" para estas iniciativas. O último dos modelos presentados foi o de crowdfunding, microfinanciamento ou financiamento en masa a través do colectivo Compartir Dona Gustet, quen destacou que a clave deste modelo non é ter un gran mecenas, senón pequenos particulares que reciben unha recompensa en función do volume da achega e na que o importante é crear comunidades en lugar de buscar audiencias.

A creatividade e a necesidade de incorporar un artista/creador na empresa contou tamén cunha mesa redonda na que quedou claro que a relación do creador coa firma non só mellora a marca, senón o clima de traballo e a percepción que o público obtén dela. Así o explicaron a deseñadora Uqui Permui a través do seu traballo de colaboración coa firma electróxena Genesal e Pia Areblad, responsable da firma sueca Tillt, quen ofreceu unha interesante conta de resultados derivada da introdución do artista na estrutura da empresa: publicidade, branding, mellora do clima de traballo, innovación e, por suposto, creatividade. Do outro lado, Juan Paz, brand manager de Hijos de Rivera, S.A., considerou "vital" o maridaxe entre a empresa privada e un proxecto cultural para lograr unha maior empatía cos potenciais clientes. Como mostra, Paz ensinou os proxectos vencellados á cervexa 1906 en torno á música jazz e destacou a necesidade de apostar polo patrocinio selectivo, dirixido a unha audiencia cada vez máis fragmentada, co obxectivo de lograr uns vínculos máis profundos cos seus clientes. Como colofón, Roberto Carreras levou ata a Cidade da Cultura o coñecido Plan B, un exemplo de como unha boa idea non entende de crise. Baseada nunha plataforma online de música colaborativa que deu o salto á televisión e derivou nunha empresa, Novaemusik, que no seu primeiro ano de vida pasou de 5 a 20 traballadores e logrou unha facturación de 1,6 millóns de euros.

Para pechar a primeira xornada do Encontro Internacional de Economía e Cultura con bo sabor de boca, sete emprendedores presentaron dunha forma áxil e dinámica -vinte segundos para comentar vinte fotografías- ideas innovadoras como as de NóComún, as incubadoras de ICE ProMálaga, a Fundación Incyde, Vilaxoan, Martín Códax, Cenlitrosmetrocuadrado e Maus Hábitos.

O Encontro retómase este venres a partir das 10:00 horas cunha mesa redonda sobre novas formas de traballo e innovación e a presentación de proxectos que buscan socios para levalos adiante. Unha interesante xornada que poderá seguirse en directo vía streaming a través de www.cidadedaculturatv.org.

Santiago de Compostela, 16 de Febreiro de 2012