Durante o mes de abril, a Cidade da Cultura conmemora o cuarto centenario da morte de Miguel de Cervantes cun programa de actividades co que pretende achegar a todos os públicos a vida e obra da máxima figura da literatura española.
As actividades en torno a Cervantes arrancan o vindeiro sábado, 2 de abril, coa obra teatral Don Quixote, unha comedia gastronómica, pensada para gozar en familia. Para a posta en escena desta peza, a Biblioteca de Galicia conta con Limiar Teatro, que representará unha comedia que mestura narración oral, manipulación de obxectos e cociña en directo para dar lugar a esta exitosa versión gastronómica da obra de Cervantes. A función terá lugar no Auditorio Xosé Neira Vilas e dará comezo ás 18:30 horas con entrada de balde ata completar aforo.
O ciclo de cultura contemporánea Nexos tamén aborda o 400 aniversario da morte de Cervantes cunha sesión moi especial na que vincula o fin do escritor español co seu cohetáneo máis universal: William Shakespeare. Así, coincidindo co Día Internacional do Libro, Nexos abordará o 23 de abril as vidas cotiás das dúas figuras literarias, na súa reputación social, na súa circunstancia persoal e todo, no contexto intelectual e político da época. A sesión contará co relatorio do escritor e xornalista Ignacio Vidal-Folch. Tras a súa intervención, o auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca de Galicia acollerá o concerto Músicas arredor de Cervantes e Shakespeare a cargo do Grupo 1500 de Música Antiga, que interpretará pezas vogais e instrumentais recollidas directamente da obra de ambos os dous escritores. A entrada é de balde mais é preciso inscribirse previamente. As entradas para esta sesión están esgotadas pero hai aberta unha lista de espera. Aquelas persoas que desexen asistir poden mandar un correo a online@cidadedacultura.org cos seus datos e número de prazas a solicitar. No caso de que quede algunha vacante, serán avisados por estricta orde de chegada da solicitude.
Os máis pequenos da casa tamén terán unha actividade especial coa que achegarse a Cervantes: o Nexos infantil. Será o 23 de abril ás 12 horas, cando nenos de 6 a 12 anos poidan aproximarse ás figuras de Cervantes e Shakespeare a través da súa vida e das súas anécdotadas máis interesantes. Ademais, coñecerán as súas obras a través de dous libros galegos de banda deseñada: Romeo e Xulieta e Miguel en Cervantes de David Rubín. Os participantes realizarán un concurso de imitación, con disfraz incluído, e crearán dous murais colectivos nos que comparar as vidas dos dous autores e nos que se incluirán novos poemas artellados a partir dos seus versos. A entrada tamén é de balde con inscrición previa.
E para rematar, a Biblioteca e Arquivo de Galicia acollerá o conto teatralizado 400 anos de Cervantes e Shakespeare, unha función pensada para toda a familia na que viaxar ata o Renacemento e achegar estas dúas figuras imprescindibles da literatura universal ao lector máis novo. Esta actividade ten entrada libre e de balde ata completar aforo (120 persoas).

