Descubrindo o Orinoco con... Domingo González Lopo

O 2 de agosto de 1498, Cristóbal Colón tocou por primeira vez o continente americano. No seu terceiro viaxe ás Indias e tras saír de Sanlúcar de Barrameda, facer escala en Madeira e as Illas Canarias e bordear a illa de Trindade, a expedición española chegou á desembocadura do río Orinoco. Acababa de descubrir Venezuela.

 

Este acontecemento histórico será o punto de partida da última cita de Descubrindo o Orinoco con... que o vindeiro martes, 10 de decembro, traerá ao Museo Centro Gaiás ao profesor de Historia Moderna da USC, Domingo González Lopo. Especialista nos compartamentos relixiosos na Galicia da Época Moderna e na mobilidade da poboación -especialmente da emigración galega no interior da Península Ibérica e cara a América entre os séculos XVII ao XX-, Domingo González Lopo abordará conceptos como a colonización, a confrontación de culturas ou as teorías de defensa do indio nunha conferencia que levará por título Encontro entre civilizacións.

 

Partindo do feito histórico que levou a Colón a descubrir a que chamou a 'Terra de graza', Domingo González Lopo descubriranos o vindeiro 10 de decembro a partir das 18 horas no Museo Centro Gaiás unha outra relación entre Galicia e o Orinoco.

 

O choque cultural será o eixe discursivo dunha charla na que o profesor irá narrando como a chegada de ordes relixiosas, misioneiros e expedicionarios procedentes de diversos puntos de España -incluída Galicia- ao interior da selva amazónica venezolana alterou as formas de vida e costumes das tribos indíxenas e a consecuente tensa convivencia entre membros de dúas civilizacións totalmente opostas.

 

Unha conferencia chea de anécdotas e historias de encontros e desencontros envoltas nun marco histórico á que podedes asistir totalmente de balde aínda que é recomendable reservar praza previamente.

Letras & Pensamento
Santiago de Compostela, 02 de Decembro de 2013