Volve o Concurso de Postais do Nadal no Gaiás para a cativada máis creativa

O Nadal está ás portas e con el chega o noso tradicional Concurso Infantil de Postais!

Animade os pequenos e as pequenas artistas que tendes na casa a sacar o seu lado máis creativo e retratar a súa grande árbore de Nadal soñada. Nós só lles damos un bosquexo cun pé e unha estrela e a partir de aí todo vale para quedarmos abraiados coa fantasía da cativada. Rotulador, collage, témpera, tea, lápices, acuarela, lá... Non hai regras, nin máis fronteira cá da imaxinación. 

Dirixido a nenos e nenas entre 0 e 9 anos, o concurso está aberto ata o 22 de decembro e as postais poden enviarse por correo postal (Museo Centro Gaiás. Cidade da Cultura de Galicia Monte Gaiás s/n 15707 – Santiago de Compostela) ou electrónico, ou depositarse na caixa de correo da Cidade do Nadal no Gaiás.

Ademais de ser un estupendo plan para unha tardiña chuviosa de decembro, as seis propostas máis orixinais teñen premio. Os seus autores e autoras recibirán un agasallo o 28 de decembro, antes do espectáculo Galicia Magic Fest.

Tendes toda a información e podedes descargar o bosquexo para participar, nesta ligazón electrónica: bit.ly/ConcursoPostais2019

En familia
Santiago de Compostela, 09 de Decembro de 2019