Últimos días de Orinoco, de balde

Unha historia milenaria, un patrimonio único, unha lección de vida. Estes son os valores que transmite a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, que afronta a súa recta final cun pequeno regalo para todos: entrada de balde ata o día da clausura.

Desde este sábado, 21 de decembro, e ata o 12 de xaneiro de 2014, o Museo Centro Gaiás abrirá as súas portas de balde para que ningúen quede sen deixarse seducir pola artesanía e os costumes da selva venezolana. 

A exposición poderá visitarse de 11 a 20 horas en horario ininterrompido de martes a domingo como xa vén sendo habitual. A maiores, e con motivo destas datas festivas, o Museo permanecerá pechado o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro. E os martes 24 e 31 de decembro pechará ás 14 horas.

A exposición Orinoco propón unha inmersión no chamado 'Mundo Perdido', un lugar protexido e cálido no corazón da selva amazónica, onde apenas o un por cento da luz solar logra alcanzar o chan ao mediodía pero no que o ser humano atopou hai doce mil anos un acolledor fogar onde atopar todo o necesario para vivir. A mostra é un canto á natureza virxe e ao respecto polo medio natural e un recoñecemento ás culturas tradicionais e a súa supervivencia respectuosa coa contorna.

A Colección Orinoco é unha homenaxe excepcional á tradición cultural das doce etnias que habitan o Amazonas venezolano: De’áruwa (Piaroa), Ye’kuana, Yanomami, Híwi (Guahibo), E’ñepa (Panare), Wakuénai (Curripaco), Baniva, Baré, Puinave, Warekena, Tsase (Píapoco) e Hoti.

Composta por unha ampla selección de obxectos utilitarios de cada un dos grupos indíxenas, a colección consta de máis de 1.500 pezas recompiladas durante décadas de exploracións: máscaras, cestería, adornos corporais, instrumentos musicais, plumarios, canoas, remos e instrumentos de pesca, obxectos de uso cotián e máxico-relixiosos, que están construídos con materiais da selva, partes de animais, plantas e minerais.

Exposicións
Santiago de Compostela, 18 de Decembro de 2013