Explorando o Orinoco no Gaiás

Queres converterte no membro dunha tribo? E loitar contra unha planta carnívora? Sabes como é a danza do home paxaro? E a orixe da cestaría indíxena? Este último trimestre do ano, o Gaiás convértete en explorador para poder coñecer outras culturas, outras civilizacións, unhas paraxes exóticas ou outra forma de relacionarse coa natureza e o medio natural.

Será a través das actividades didácticas da mostra Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, un programa pensado para todos os públicos co que poder achegarse ao corazón da Amazonía venezolana a través de xogos, visitas teatralizadas, danza, conferencias e moito máis. 

Os máis pequenos poderán converterse en expedicionarios e pasar toda unha noite nun poboado indíxena grazas a Unha noite no Orinoco, que volve no mes de novembro (8 e 29) tras o éxito dos campamentos de verán.

 Pais e fillos poderán adentrarse na selva todos os sábados e vivir unha auténtica Aventura no Amazonas, na que superar todas as probas impostas polas tribos do Orinoco para recibir a coroa do xamán e ser o líder do poboado indíxena.

Unha aventura que se tornará espectáculo durante o mes de decembro en Orinoco en danza, unha fusión de linguaxes artísticas na que a variedade da arte do Orinoco preséntase da man da expresividade da danza do Centro Coreográfico Galego. 

A vida das doce tribos do Orinoco venezolano preséntase dunha forma atractiva para os escolares que participen nas Visitas didácticas, adaptadas aos diferentes tramos educativos.

Unha vertente formativa que terá a súa continuidade no ciclo de conferencias Descubrindo o Orinoco con…, no que expertos na cultura e na vida das tribos do Amazonas como a antropóloga e etnógrafa francesa Marie-Claude Mattéi-Müller, o profesor de Zooloxía da USC Fernando Cobo Grandín e o etnógrafo Félix de Arce, ou o profesor de Historia Moderna Domingo González Lopo, nos achegarán outra visión da cultura indíxena venezolana.

Un completo programa de actividades especialmente pensado para todos os públicos co que facer dun museo un lugar para aprender divertíndose.

En familia
Santiago de Compostela, 03 de Outubro de 2013
 

Cultura

  • (1)

Lecer

  • (1)