#EAN: de promesas a artistas consolidados

Este luns, 7 de setembro, comeza o V Encontro de Artistas Novos (EAN), un programa dirixido por Rafael Doctor Roncero co que a Cidade da Cultura busca dar a coñecer os traballos de creadores emerxentes e facilitar unha semana de convivencia con outros axentes do sector.

A piques de recibir aos 70 participantes deste #EAN5, desde a Cidade da Cultura queremos botar unha ollada cara a atrás e deternos en creadores que no seu día foron participantes do Encontro e hoxe ocupan un lugar propio dentro do mundo da arte. Figuras como Lois Patiño, Nuria Güell, Amaya González Reyes ou Félix Fernández ocuparon durante catro días as mesmas butacas que a partir de mañá acollerán os bolseiros do #EAN5.

Comezamos esta viaxe pola pequena historia do Encontro de Artistas Novos por Lois Patiño (Vigo, 1983), un dos nomes imprescindibles do novo cinema. O seu cine libre, independente e radical e a súa ollada madura que volve á paisaxe, á contorna e ao ser humano valéronlle numerosos recoñecementos internacionais. Tras a premiada Montaña en sombra, o grande éxito de Lois Patiño chegaría con Costa da Morte, seleccionado en 60 festivais e co que obtivo 12 galardóns internacionais, entre eles o de mellor director emerxente en Locarno. Actualmente está a traballar en tres proxectos: as longametraxes Tempo vertical e Ariel e a videoinstalación Fajr

Costa da Morte. Lois Patiño

Patiño compartiu butaca na primeira edición do EAN con Nuria Güell, unha das artistas máis interesantes dos últimos tempos. O seu é arte desde a militancia. Aborda e reformula os límites da legalidade e analiza a ética practicada polas Institucións que nos gobernan, detectando os abusos do poder cometidos. Reflexións sobre a insolvencia como arma política, o refuxio político, a dobre moral na axuda humanitaria ou a tortura encuberta en países “civilizados” en pleno século XXI son algunhas das bases conceptuais para a súa obra, que vai máis alá da epiderme plástica e se adentra na filosofía máis práctica da nosa realidade social. O seu último traballo é Apátrida por voluntad propia. Sobre la prisión de lo Posible, no que reflexiona sobre o concepto de nación e identidade.

Aplicación Legal Desplazada #3: F.I.E.S.

Amaya González Reyes (Sanxenxo, 1979) foi outra das “alumnas” do Encontro. Cunha carreira artística máis que sólida, Amaya decidiu compartir unha semana de vivencias como unha nobel máis. A través de diferentes disciplinas, Amaya reflexiona sobre a mercantilización da arte, conceptos en torno ao valor, ao prezo, á condición ou natureza do obxecto e da obra de arte, ao sistema de intercambio e plusvalías que rexe a nosa vida. 2009 marcou un punto de inflexión na súa carreira, coa súa presenza na feira ARCO, onde vendeu toda a súa obra: lenzos onde reproducirá tickets de compra acumulados durante un ano e cuxo prezo era o do importe que reflexaban. Ultimamente está a traballar ao redor do concepto da Síndrome de Dióxenes, tema co que participou en Mis Documentos, proxecto performántico dirixido pola arxentina Lola Arias e estreado na Cidade da Cultura no marco do festival Escenas do cambio

Yo deseo que te guste. Amaya González Reyes.

Un dos últimos en pasar polo EAN foi un dos nomes emerxentes da creación contemporánea en España: Félix Fernández (Viveiro, 1977). Félix é un artista multidisciplinar que emprega a videocreación e a performance para presentar o seu discurso artístico. A súa creatividade o ten feito merecedor de numerosos galardóns, como o Premio ‘Novos Medios’ do Festival Internacional de Cine de Ourense, o premio á mellor videocreación internacional do Festival Canarias Mediafest, o Premio ‘Estampa’ de creación artística da Casa de Vélazquez (Madrid), así como galardóns no Festival Lesgaicinemad 15. O seu paso polo EAN levoulle a expoñer nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura o seu proxecto Subtextos dun patrón de mantemento, onde nos amosou o indesexado a través dunha gran combinación de instalación e performance. Neste 2015 foi elixido para participar no primeiro EAN que se celebrou fóra das nosas fronteiras: o EAN de Uruguai, onde estreou a súa curtametraxe Room4.

Subtextos dun patrón de mantemento. Félix Fernández

O Encontro de Artistas Novos toca todos os ámbitos da creación. No da ilustración destaca Tamara Feijoo (Ourense, 1982), artista plástica, ilustradora e deseñadora gráfica; co-fundadora do Estudio Lazo. Posuidora de varios premios –entre os que destacan o Premio Julián Trincado na 12 Mostra Internacional de Arte Gas Natural Fenosa ou o segundo premio X Certamen de Artes Plásticas Deputación de Ourense-, unha das súas últimas exposicións foi Folies (2014, Galería Marisa Marimón, Ourense).

Acciones para perdurar un instante. Tamara Feijoo

E na fotografía temos que deternos en Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984), artista que se inspira en si mesmo e na súa propia experiencia de vida e a súa contorna para crear as súas obras. Os seus experimentos actuais no estudo das técnicas da fotografía son un intento de superar os parámetros tradicionais e explorar a delgada liña que separa a ficción da realidade. Madriñán participou en prestixiosos festivais e feiras de arte como Photoespaña, Paris Photo, ARCO ou os International Photography Awards de Nova York. 

Boas Noites. Jesús Madriñán

Non podemos finalizar este repaso polos creadores do EAN sen mencionar a Paula Cabaleiro, figura destacada na área do comisariado. Tras participar no primeiro EAN co seu traballo, Paula é a día de hoxe codirectora da feira de arte contemporánea Cuarto Público (Santiago de Compostela), directora en Galicia do Festival estatal Miradas de Mujeres, coordinadora do programa de residencias artísticas Estudio Abierto da Rede Museística de Lugo e Deputación de Lugo. Foi fundadora e directora da galería A.dFuga (Santiago de Compostela)  e é coordinadora do Encuentro Artistas en Red do Museo Arqueológico de Cacabelos, en León. 

Paula Cabaleiro.Re-torno á paisaxe.

Hoxe comezamos o quinto Encontro de Artistas Novos con 70 novos creadores emerxentes, aos que lles desexamos unha frutífera semana e un futuro prometedor.

 
Santiago de Compostela, 07 de Setembro de 2015
Encontro de Artistas Novos