Viaxa polas músicas do mundo a través de Galician Connection

Cuba, China, India, Arxetina e, por suposto, Galicia. Os máximos representantes dalgunhas das tradicións culturais máis destacadas da World Music chegarán á Cidade da Cultura do 11 ao 13 de abril para establecer con corenta afortunados un diálogo creativo a través da música. Será da man de Galician Connection, unha viaxe polas músicas do mundo coordinada pola artista Cristina Pato, que inclúe dende un exclusivo programa formativo a foros de debate e un concerto de clausura único que terá lugar no Museo de Galicia.

Wu Tong –un dos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa e fundador da primeira banda de rock en saír na televisión nacional-; o mestre de táboa india Sandeep Das; o arxentino Emilio Solla -unha das figuras máis influentes dentro do ‘tango-jazz’-; o membro fundador de Berrogüeto, Anxo Pintos, e a que foi a súa voz durante máis dunha década, Guadi Galego, serán os músicos convidados de Galician Connecion. Un cartel que contará coa participación especial do recoñecido músico cubano Paquito D’Rivera, unha das grandes figuras da música cubana, fundador do grupo Irakere con Chucho Valdés e gañador de múltiples Grammys.

Estes seis mestres da música compartirán con todos aqueles que se inscriban en Galician Connection ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns, e participarán nos encontros "cara a cara", onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal. Aínda que a súa presenza será destacada en todas as actividades que inclúe o programa, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse de forma exclusiva á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que mesturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal. Galician Connection está especialmente dirixido a músicos, intérpretes, docentes e estudosos do panorama musical profesional para os que hai corenta prazas. O prazo de inscrición xa está aberto en www.cidadedacultura.org a un prezo de 70 euros, 50 para estudantes.

Mais estes non serán os únicos participantes. Neste diálogo musical entre culturas, Galician Connection tamén abordará a World Music dende o punto de vista da programación e a busca de novos mercados a través do Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemetno Cultural Sostible, que terá luga ro 11 de abril ás 17:00 horas. Moderado por Cristina Pato, o encontro contará coa presenza de profesionais que se foron abrindo camiño no mundo da World Music organizando os seus propios festivais e buscando o seu propio oco no mercado: John X. Fernández, produtor da APAP Conferencia de Nova York; Joan A. Cararach, director do Festival Internacional de Jazz de Barcelona; Sandeep Das, director do HUM Ensemble que se celebra en catro cidades da India; e Antón Martínez, director do Festival Son Cuba. Para participar neste foro, a Cidade da Cultura abre a inscrición a un total de 50 persoas a un prezo de 10 euros. Para apuntarse só hai que cubrir o formulario online.

O público xeral tampouco será alleo a este evento grazas a Galician Connection ao Vivo, un concerto de clausura único, onde os seis mestres convidados xunto a Cristina Pato interpretarán un repertorio especialmente deseñado para a ocasión. Esta actuación convertirá o Museo de Galicia nun escenario de luxo, no que pezas de cada unha das tradicións musicais representadas en Galician Connection converxerán para poñerlle o broche de ouro a tres xornadas inesquecibles. As entradas poranse proximamente á venda en www.servinova.com a un prezo de 12 euros máis gastos de xestión. Unha oportunidade única para gozar do mellor das músicas do mundo.

Música & Escena
Santiago de Compostela, 06 de Febreiro de 2012